O Concello de Ourense convoca unha nova edición do programa Concilia Verán 2025

OurenseXa
O programa inclúe actividades lúdico-educativas orientadas a fomentar hábitos de vida saudables, actitudes solidarias, convivencia e respecto polo medio ambiente
Concilia Verán, Ourense
Concilia Verán, Ourense
6 May 2025

O Concello de Ourense vén de convocar unha nova edición do programa Concilia Verán 2025, unha iniciativa da Concellería de Educación dirixida á rapazada da cidade que combina lecer, aprendizaxe e conciliación familiar durante os meses de verán. O prazo de inscrición abrirase o vindeiro luns, 12 de maio de 2025, ás 9.00 horas, e permanecerá aberto ata o 26 de maio ás 23.59 horas. A inscrición realizarase exclusivamente en liña a través da aplicación do Concello.

As actividades do programa, de carácter lúdico-educativo, están orientadas a fomentar hábitos de vida saudables, promover actitudes solidarias, favorecer a convivencia e o respecto polo medio ambiente. Ademais, ofrecerán reforzo educativo para o alumnado participante. Desenvolveranse de luns a venres, en horario de 8.00 a 14.30 horas, durante os meses de xullo e agosto, así como na última semana de xuño e a primeira de setembro na Aula da Natureza do Río Miño-Oira.

Participan no programa os seguintes centros educativos: CEIP O Couto (unidade de Sás), CEIP Manuel Luis Acuña, CEIP Vistahermosa, CEIP Irmáns Villar, CEIP Amadeo Rodríguez Barroso, CEIP Covadonga (unidade de Eiroás), CEIP A Ponte, CEIP As Mercedes e CEIP Mestre Vide. Tamén haberá actividades na Aula da Natureza do Río Miño-Oira. Os tramos de idade varían segundo o centro, estando dirixido a nenas e nenos nados entre 2013 e 2021.

Nos centros Manuel Luis Acuña, Vistahermosa, A Ponte e As Mercedes ofrecerase atención específica para o alumnado con necesidades educativas especiais.

O programa inclúe un servizo de acollida temperá entre as 8.00 e as 9.30 horas, con entradas escalonadas ás 8.00, 8.30 e 9.00 horas, mentres que a saída será entre as 14.00 e as 14.30 horas.

Como novidade, o programa incorpora tres espazos adicionais con formatos específicos. O Espazo Makers, na Universidade de Vigo, baixo o lema “Un verán na nube”, estará dirixido a participantes nados entre 2010 e 2013, e desenvolverase no Edificio Politécnico, na Facultade de Informática do campus norte, en horario de 9.00 a 14.00 horas. O Espazo CIE (Centro de Iniciativas Empresariais) acollerá un campamento dixital gratuíto chamado “Cibervoluntarios”, destinado a nenas e nenos nados entre 2013 e 2016, con rotación semanal por idades. A actividade terá lugar en horario de 8.00 a 15.00 horas na Rúa Padre Feijóo, 1, e cada participante só poderá asistir unha semana. Finalmente, o programa Concilia Teatro, dirixido a mozos e mozas nados entre 2009 e 2012 (ESO), desenvolverase na Rúa da Canle, 4, en horario de 10.00 a 13.00 horas.

As datas dos campamentos serán do 23 ao 30 de xuño (só na Aula da Natureza), do 1 ao 15 de xullo, do 16 ao 31 de xullo, do 1 ao 14 de agosto, do 18 ao 29 de agosto e do 1 ao 8 de setembro (tamén só na Aula da Natureza). Concilia Verán 2025 constitúe unha oportunidade para que as familias de Ourense compatibilicen os seus horarios coa actividade estival dos máis pequenos nun entorno educativo, dinámico e inclusivo.

⚙ Configurar cookies
0.13177800178528