O Concello de Ourense destina 9,5 millóns de euros a poñer ao día pagos a provedores
A Xunta de Goberno Local do Concello de Ourense aprobou esta mañá nunha sesión extraordinaria 3 proxectos de modificacións orzamentarias (2P, 3P e 4P/2024), por un importe total de 10.869.388,53 euros, con fondos procedentes do remanente de tesouraría. A principal partida ten como finalidade destinar case 9,5 millóns de euros a poñer ao día pagos a provedores e os outros 1,3 millóns destinaranse a diferentes proxectos como a instalación da iluminación de Nadal ou a posta en marcha dun obradoiro de emprego, entre outras.
O goberno municipal explica que “a recente aprobación da liquidación do orzamento de 2023 e a sólida situación económica do Concello permítennos agora poñer en marcha modificacións orzamentarias para diferentes finalidades. Neste caso, a principal é poñer ao día pagos a provedores, pois fará posible afrontar o pago das facturas incluídas na Conta 413, e tamén desenvolver diferentes proxectos que consideramos importantes para a cidade”. Destacan o feito de que as 3 modificacións serán financiadas integramente utilizando fondos procedentes do remanente de tesouraría do Concello.
A modificación orzamentaria 2P ascende a 10.325.529,81€. Desta contía, 9.468.277,08 destinaranse ao pagamento de facturas incluídas na conta 413, e os outros 857.252,73 dotarán créditos extraordinarios para diferentes gastos: unha transferencia de capital á Confederación Hidrográfica do Miño-Sil, unha subvención ao Consorcio Galego de Igualdade e Benestar, investimentos de reposición de infraestruturas viarias e actuacións no perímetro rural, maquinaria para o Fogar do transeúnte e gastos financeiros.
A modificación orzamentaria 3P ascende a 430.800 euros, que se destinarán á subministración e instalación de alumeado de Nadal na cidade e a modificación 4P/2024 destinará 113.058,72 a un obradoiro de emprego en Montealegre.
Os tres acordos adoptados hoxe pola Xunta de Goberno Local serán elevados ao Pleno do Concello nunha próxima sesión para que proceda, de ser o caso, á aprobación provisional das modificacións orzamentarias propostas.