O Concello de Ourense instalou 11 pasos de peóns luminosos e 12 elevados dentro do plan de mellora da mobilidade
O Concello de Ourense levou a cabo actuacións en 23 pasos de peón da cidade co obxectivo de mellorar a accesibilidade en diferentes puntos de Ourense, co fin de reforzar a seguridade viaria, accesibilidade universal e a non discriminación das persoas con discapacidade para o acceso e a utilización dos espazos públicos urbanizados.
Esta actuación está incluída dentro do Programa de axudas para a implantación de zonas de baixas emisións e a transformación dixital e sustentable do transporte urbano e da mobilidade no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia do Ministerio de Transportes e Mobilidade.
As intervencións divídense en dous grupos: 11 pasos de peón luminosos e 12 pasos de peón elevados. En total, os traballos contaron cun orzamento de 835.192,03 euros. A decisión de actuar inicialmente nestes puntos considerouse por seren puntos especialmente sensibles en vías de especial intensidade de tráfico e de accesos a centros sanitarios, educativos, sociais e deportivos, de especial conflitividade. Cada paso de peóns é distinto, por iso as actuacións varían segundo as características e/ou deficiencias en cada un deles.
Máis concretamente, as actuacións consistiron na ampliación da zona de estancia para viandantes mediante o incremento de beirarrúas, o reforzo da iluminación viaria no propio paso de peóns e a activación dun sistema de iluminación intermitente e automática que axude a que as persoas condutoras detecten a presenza de viandantes, e a elevación dos pasos de peóns, para seguridade de viandantes e redución de velocidade de vehículos, segundo a instrución técnica para a instalación de redutores de velocidade e bandas transversais de alerta na estrada de acordo coa Orde FOM/3053/2008.
Os pasos elevados instalados cun orzamento de licitación de 416.231,09 euros, IVE incluído, e unha duración de execución de 6 meses foron os seguintes:
- Rúa Chano Piñeiro, nº6
- Rúa Doutor Fleming, nº27, adecuando o cruzamento coa rúa Reza.
- Rúa Escultor Faílde, nº6, adaptando tamén o paso coa rúa Vasco da Ponte
- Rúa Sáenz Díez
- Rúa Ponte Lebroña
- Rúa Serra Martiñá, nº32
- Avenida Otero Pedraio
- Rúa Rampla de Sas, nº32., adecúanse 3 pasos
- Rúa Vilareal
- Rúa Pablo Iglesias.
- Rúa José Antonio Nieves Conde
- Rúa Ramón Puga nº100
Os pasos luminosos instalados cun orzamento de licitación de 418.960,94 euros IVE incluído, e unha duración de execución de 6 meses foron os seguintes:
- Rúa Sainza nº 60
- Avda. Rodríguez Castelao
- Rúa Ramón Puga nº 48
- Rúa Xoán de Nóvoa
- Rúa Sáenz Díez
- Rúa da Canle
- Avda. Vista Hermosa
- Rúa Ponte Sevilla
- Rúa do Vinteún nº 31
- Rúa Ramón Puga nº 40
- Rúa Ramón Puga nº 33