O Concello de Ourense planea instalar unha barra en Bispo Cesáreo durante o Entroido

OurenseXa
Xustifican a medida asegurando que “as taxas de ocupación de vía pública para actividade comercial non van acordes ao mercado”
Bispo-cesareo-ourense-recurso
Praza de Bispo Cesáreo
10 Feb 2025

O Concello de Ourense adxudicará a través dunha poxa a autorización para instalar e explotar unha barra de bar na Praza de Bispo Cesáreo durante as actividades do Entroido de Ourense 2025.

O goberno municipal explica que “debido ao éxito dos festexos e a demanda en Ourense, e tendo en conta que as taxas de ocupación de vía pública para actividade comercial non van acordes ao mercado, o Concello licitará a través dunha poxa a explotación dunha barra de bebidas na Alameda, por un prezo de saída de 15.000 euros.  Esperemos que esta sexa a primeira vez de moitas que se aplique este modelo e non só con barras de bebidas senón que no futuro podería aplicarse a máis explotacións comerciais para obter un rendemento económico acorde co que se oferta”.

A Xunta de Goberno Local do Concello aprobou esta mañá en sesión extraordinaria as bases que regularán o procedemento para outorgar a autorización, en réxime de concorrencia, da autorización para a instalación e explotación da barra, coincidindo co desenvolvemento da  programación municipal de actividades que terán lugar na rúa do Progreso, á altura da Alameda, como a actuación do DJ Alex Martini, a orquestra Olympus, a entrega de premios do desfile e a actuación do grupo Ráfaga, o domingo, e a da orquestra París de Noia.

As bases e a convocatoria publicaranse de xeito urxente no Taboleiro de Anuncios da Sede Electrónica do Concello e, a través dun anuncio, no Boletín Oficial da Provincia de Ourense, coa finalidade de que as persoas que o desexen poidan presentar as súas propostas.

0.16442608833313