O Concello de Ourense pon en marcha as actividades infantís dos centros cívicos para o novo curso

O Concello de Ourense presentou o programa de actividades dirixido a nenos e nenas que se desenvolverá nos centros cívicos municipais ao longo do curso 2026/2027. A proposta está destinada ao alumnado de Educación Infantil e Primaria empadroado no municipio, e as actividades comezarán o 1 de outubro.
As familias interesadas xa poden consultar a relación completa de propostas na páxina web actividades.ourense.gal. A través desta mesma páxina poderán formalizar a inscrición a partir do luns 14 de setembro, desde as 09.00 horas. O prazo permanecerá aberto ata que se cubran todas as prazas ofertadas.
O programa desenvolverase en cinco centros cívicos da cidade: o da rúa Colón, o da Cuña (rúa Doutor Peña Rey), o da Ponte (rúa Eulogio Gómez Franqueira), o das Termas (Praza 200) e o de Seixalbo (rúa Estreita). Ofrécense dúas modalidades diferenciadas en función dos días da semana.
Por unha banda, as actividades semanais terán lugar de luns a xoves, en horario de 18.00 a 19.30 horas, e están dirixidas a nenos e nenas nados entre os anos 2017 e 2023. Por outra banda, os sábados, de 11.00 a 12.30 horas, organizaranse actividades para escolares desde 4º de Infantil ata 6º de Primaria.
Ademais, o Centro Cívico da rúa Colón contará cun servizo de apoio escolar dirixido a alumnado de 5º de Primaria a 2º de ESO, que se impartirá os martes, mércores e xoves, de 16.00 a 17.30 horas. Neste caso, a admisión confirmarase telefonicamente unha vez organizado o grupo correspondente.