O Concello de Ourense presenta o programa completo de actividades de Nadal

OurenseXa
Regresan o Poboado e o Mercado de Nadal, así como o Bus Musical que este ano será en formato carroza e, como novidade, instalaranse atraccións no Xardín do Posío
Alumeado de Nadal, Ourense, 2023
Alumeado de Nadal, Ourense
3 Dec 2024

O Concello de Ourense vén de presentar o programa completo de actividades de Nadal, que arrancará co xa anunciado acendido das luces, que terá lugar este xoves, 5 de decembro, na Alameda.

O acendido será ás 20.00 horas e estará a cargo dos membros da Asociación de Persoas Xordas de Ourense (APSOU). Antes, ás 19.00 horas, haberá unha actuación musical a cargo de Somoza Trío, que tamén amenizarán a festa posterior. O mesmo día abrirá ao público o Mercado de Nadal do Parque de San Lázaro.

O día 7 de decembro, no Xardín do Posío, farase o Nadal Colombiano. No mesmo lugar, a partir do día 16 e como novidade este ano, haberá atraccións de feira para os rapaces e rapazas, que estarán abertas ata o día 6 de xaneiro.

Pola súa banda, a partir do día 20 de decembro e ata o 5 de xaneiro, instalarase na Praza Maior o tradicional Carrusel, que será totalmente gratuíto e que abrirá en horario de mañá e de tarde, agás os días festivos, que só abrirá a partir das 17.00 horas.

Ademais, dende o Concello lembran que o Belén de Baltar, o máis famoso de Ourense, abrirá tamén de tarde durante as festas.

No que respecta á chegada de Papá Noel á cidade, será o día 21 cando terá lugar o desfile de chegada, que percorrerá o centro de Ourense entre o Parque de San Lázaro e a Praza Maior. Papa Noel estará ata o día 24 en distintos lugares da cidade e fará a súa tradicional recepción no Auditorio con tres pases que, a diferenza doutros anos, será de pago, cun custo de cinco euros.

O Poboado de Nadal instalarase un ano máis na praza de Bispo Cesáreo, e será visitado por Papá Noel, ademais de contar con múltiples actividades dirixidas aos pequenos e pequenas.

Pola súa banda, os Reis Magos chegarán, coma sempre, o día 5 de xaneiro co seu desfile de carrozas e a recepción oficial, coa diferenza de que este ano o percorrido deberá mudar debido ás obras da senda do Barbaña. A Cabalgata sará, coma sempre, sobre as 18.00 horas, pero en lugar de atravesar a Ponte Romana pasará, con toda probabilidade, pola Ponte do Milenio. De aí atravesará O Progreso ata chegar a Alameda e, despois, dirixirase á Praza Maior.

Respecto a Bus Musical, este ano o Concello cambiará o formato converténdoo nunha carroza que percorrerá ás rúas de Ourense durante as festas con actuacións de distintos grupos de artistas ourensáns, principalmente.

Deportes

En canto as actividades deportivas, un ano máis terá lugar a tradicional carreira de San Silvestre, que será coma sempre o día 29 de decembro.

O 1 de xaneiro será a quenda da tradicional subida da Costiña de Canedo, co horario todavía por confirmar, e que este año cumplirá a súa trixésimo segunda edición.

0.17641878128052