O Concello de Ourense anuncia un proxecto para plantar 14.000 novas árbores na cidade

OurenseXa
O goberno municipal apela á colaboración da Xunta de Galicia, da que agarda que se implique no financiamento desta intervención
Rúa do Paseo, Ourense
10 Sep 2024

O Concello de Ourense presenta o proxecto de plantación de 14.000 novas árbores coa finalidade de mellorar a calidade de vida na cidade. No día de hoxe publica na web municipal o estudo 'Infraestrutura verde para a mellora da calidade de vida na cidade de Ourense', realizado pola empresa consultora PWACS coa colaboración de Green Urban Data, que prevé multiplicar por 1,4 as unidades existentes no termo municipal.

O documento, que ten como obxectivo combater e mitigar o quecemento global producido polo cambio climático na cidade máis calorosa do noroeste peninsular, define as actuacións que se prevé realizar, as zonas de oportunidade para o desenvolvemento das actuacións piloto, os orzamentos e a distribución temporal dos traballos. Requirirá un investimento de entre 8 e 10 millóns de euros, xa que o estudo inclúe non só as árbores que se plantarán senón tamén as obras de infraestrutura, mantemento, itinerarios peonís, etc, que levarán asociadas.

O goberno municipal apela á colaboración da Xunta de Galicia, da que agarda que se implique no financiamento desta intervención: “todo depende da Xunta”, aseguran. Lembran a este respecto, que o alcalde Gonzalo Jácome xa lle trasladara esta proposta ao presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, e ao seu predecesor, Alberto Núñez Feijóo, nas últimas xuntanzas mantidas con estes. Trátase ademais dunha das iniciativas que o rexedor quere tratar na reunión que lle ven solicitando desde hai 5 meses ao titular da Xunta. O goberno local advirte a este respecto que se trata dun proxecto “que o propio Alfonso Rueda fixo seu, xa que recentemente anunciou que plantaría 250.000 árbores en Galicia”. O goberno municipal entende tamén que, polas súas características, este será un proxecto piloto en Europa, que se podería levar a cabo despois noutras cidades para combater o cambio climático. O Concello tamén concorrerá ás convocatorias de axudas doutras administracións para financiar este proxecto.

O goberno municipal remitiulle tamén no día de hoxe o estudo aos grupos municipais de PP, PSdeG-PSdeG e BNG no Concello, dos que confía acadar o apoio para levar a cabo as actuacións previstas.

0.15690612792969