O Concello de Ourense reclama que se complete a urbanización pendente na contorna do campo do Couto

O Concello de Ourense reclamou á Xunta de Galicia que execute as obras de urbanización previstas na contorna do campo de fútbol do Couto. Esta actuación formaba parte do proxecto de reforma do estadio, xa rematado pola administración autonómica, pero segundo o goberno municipal non chegou a completarse.
Desde o Concello sinalan que "a Xunta volve deixar tirada a Ourense", tras comprobar, a través dun informe xurídico municipal, que as obras do estadio non se levaron a cabo na súa totalidade conforme ao recollido no proxecto autorizado.
O documento indica que quedaron sen executar os traballos de urbanización correspondentes aos terreos de cesión, que suman aproximadamente 2.180 metros cadrados, o que suporía un incumprimento das condicións fixadas na licenza municipal. O goberno local considera que se trata dun "novo exemplo" de actuacións autonómicas que quedan a medio facer na cidade, sendo o Concello quen despois ten que resolver a situación.
Desde o equipo de goberno avanzan que, de non cumprirse con esta obriga, se porá en marcha o procedemento recollido no informe xurídico: tras o trámite de audiencia correspondente, declararíase a ineficacia da comunicación de primeira ocupación, o que implicaría que o inmoble carecería de título habilitante para o seu uso.