O Concello de Ourense renovará o asfaltado de sete zonas rurais cun investimento de 220.000 euros

OurenseXa
As obras buscan mellorar o estado das vías, facilitar a circulación e reforzar a seguridade viaria en distintas parroquias e núcleos de poboación do municipio
obras_recurso
Imaxe de arquivo ilustrativa
7 Oct 2026

O Concello de Ourense porá en marcha nos vindeiros días unha nova campaña de mellora de firmes e asfaltado que afectará a sete zonas do contorno rural do municipio. A iniciativa, dotada cun orzamento de 220.000 euros, ten como finalidade principal mellorar o estado xeral das vías, facilitar o tránsito de vehículos e peóns, e aumentar os niveis de seguridade na circulación.

Os traballos centraranse na renovación e acondicionamento do firme de distintas rúas e estradas, seguindo as necesidades identificadas previamente en cada unha das zonas afectadas. Os puntos onde se intervirá son a rúa Sánchez Arteaga, a rúa Ceibe, a rúa do Campo en Vilar de Astrés, Valdolide, Bobadela, a estrada vella de Sistís e o Campo da Festa de Quintela.

Fontes municipais explicaron que estas actuacións se enmarcan dentro do compromiso do Concello coa conservación e mellora continua das infraestruturas viarias nas zonas rurais, co propósito de atender as demandas das parroquias e dos núcleos de poboación, así como de asegurar que as vías se manteñan en condicións óptimas de uso.

Segundo o previsto, as obras arrancarán nos vindeiros días e desenvolveranse de forma progresiva, zona por zona, ata completar a totalidade das actuacións programadas.

0.16252589225769