O Concello de Vilamarín recibirá máis de 750.000 euros do programa CooperOU
O presidente da Deputación de Ourense, Luis Menor, visitou este martes o Concello de Vilamarín onde mantivo unha reunión de traballo co alcalde, Amador Vázquez, para repasar as diversas liñas de cooperación abertas entre ambas administracións.
Neste sentido, cabe destacar que a Deputación de Ourense investirá máis de 750.000 euros no concello ao longo deste mandato a través do Plan CooperOU, “contribuíndo a dar resposta a numerosos proxectos para este territorio”, salientou Luis Menor.
Un dos temas analizados durante o encontro foi o novo deseño de funcionalidade do Pazo de Vilamarín, no que se está a traballar de xeito coordinado co propio concello, “para dotar de actividades culturais, deportivas e lúdicas este emblemático edificio”, sinalou o presidente provincial.
Pola súa parte, o Concello de Vilamarín demandou a colaboración da Deputación para dotar ao municipio dun polideportivo que dea resposta á importante actividade existente no territorio. Tamén solicitou un tractor desbrozadora que lle permita realizar tarefas de prevención de lumes e limpeza de estradas, maquinaria concedida no marco do convenio de colaboración entre a Deputación e a Consellería de Medio Rural.