O Concello de Ourense destinará 325.000 euros a proxectos das entidades sociais
A Xunta de Goberno Local aprobou este mediodía a convocatoria das subvencións que o Concello destinará este ano a apoiar a actividade que desenvolven as asociacións e entidades sen ánimo de lucro en materia de servizos sociais na cidade. Cun orzamento de 325.100 euros, ten como finalidade darlle apoio aos programas, proxectos ou actividades de interese, promoción social ou de utilidade pública no ámbito dos servizos sociais que promovan as asociacións e entidades sen ánimo de lucro, que estean dirixidos prioritariamente a persoas e colectivos en situación de vulnerabilidade social.
As axudas outorgaranse en réxime de concorrencia competitiva, e as asociacións interesadas poderán presentar as súas solicitudes durante un prazo dun mes, a partir da publicación do extracto da convocatoria no Boletín Oficial da Provincia.
Na mesma sesión, ordinaria desta semana, a Xunta de Goberno Local aprobou outros 15 asuntos presentados por diferentes servizos municipais.