O Concello do Carballiño arranxa o firme de tres rúas cunha nova técnica de microasfaltado

O Concello do Carballiño puxo en marcha un novo sistema para reparar o estado do pavimento en tres rúas da localidade. Trátase dunha técnica de microasfaltado que, ata agora, se viña empregando principalmente en autoestradas galegas, e que o consistorio aplica por primeira vez no ámbito urbano do municipio.
O procedemento consta de dúas fases: en primeiro lugar cóbrense as fochancas e desperfectos existentes no asfalto, e a continuación engádese unha segunda capa de microasfaltado dun centímetro de grosor sobre toda a superficie.
Os traballos, que supuxeron un desembolso de 50.000 euros por parte das arcas municipais, comezaron esta mesma semana nas rúas Centro de Carballiño en Bos Aires, Julio Rodríguez Soto e Conde Vallellano, tres vías que presentaban un notable deterioro debido ao paso do tempo, o efecto da choiva e outros fenómenos meteorolóxicos, así como á intensidade do tráfico rodado.
O alcalde en funcións, José Castro-Gil, explicou que o consistorio fará un seguimento dos resultados obtidos nestas primeiras rúas antes de decidir se estende a actuación a outros puntos do municipio: "Nas próximas semanas avaliaremos o resultado destes microasfaltados e, de ser positivo, realizarémolos tamén no resto de vías deterioradas da vila".
Polo momento, a fase de aplicación do microasfaltado xa rematou nas tres rúas mencionadas. Queda pendente o repintado da sinalización horizontal, unha tarefa que o Concello prevé acometer nos próximos días para completar a actuación.