O Concello gastou preto de 400.000 euros nas Festas de Ourense

OurenseXa
O alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, continúa xustificando o éxito das festas que, según el, "foron unhas das festas máis participativas dos últimos 20 anos"
Festa das Cores, 2024
Festa das Cores durante as Festas de Ourense de 2024
26 Jun 2024

As Festas de Ourense 2024 dividen á cidade. Mentres o alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, continúa xustificando o éxito do programa, as críticas por parte da oposición e dos sectores da hostalería e os feirantes seguen chegando.

Segundo o alcalde, as festas de 2024 foron "unhas das máis participativas dos últimos 20 anos, cun ambiente na rúa que non era frecuente antes de que as organizase este grupo de goberno. E aínda conseguindo isto, por primeira vez en moitos anos non se consumiu toda a partida orzamentaria prevista para as Festas de Ourense, que era de 480.000 euros, e non se chegou nin aos 400.000".

Sen embargo, desde os grupos da oposición criticaron con dureza o programa destas festas e, de feito, os populares preguntábanse este luns a onde foron a parar os 400.000 euros que o Concello inverteu, tendo en conta a nula programación cultural coa que contaron. Unha cuestión que desde o PSdeG de Ourense tamén critican con dureza.

As críticas chegan tamén dos hostaleiros da Praza Maior, que tiveron que ver como instalaban os postos de comida e bebida do Mercado Medieval fronte ás súas portas, e dos feirantes, que non están conformes co emprazamento das barracas, no Parque do Barbaña.

As queixas tamén foron visibles nas redes sociais, especialmente pola falta de concertos nesta edición, na que o Concello decidiu inverter unicamente nas orquestras.

Ourense, dos concertos ás orquestras

Cabe lembrar que o goberno municipal organizaba este ano por terceira vez as Festas de Ourense, xa que en 2019 a programación de actividades xa fora organizada polo goberno anterior e en 2020 e 2021 as festas non se celebraron pola pandemia da COVID.

A diferencia entre as últimas festas antes da chegada de Pérez Jácome ao Concello de Ourense é notoria. Mentres que en 2019 os festexos trouxeron á cidade das Burgas a grupos como Viva Suecia, Marea o Izal, a capital viu como a programación de concertos ía reducíndose de forma paulatina nos seguintes anos. As Festas de 2022 mantiveron o nivel musical ao que os ourensáns estaban acostumados pero, xa en 2023, Jácome borraba dunha plumada a programación de concertos deixando no programa un único concerto destacado, ao igual que o fixo nesta edición.

O Concello non pagará polo caché de Celtas Cortos

Explica o alcalde que unha das claves neste custo inferior a anos anteriores está na "optimización de recursos e servizos". Así, detalla que gastos, como a contratación do grupo Celtas Cortos, o único concerto de todo o programa , non suporá custo algún de caché para o Concello, xa que será pagada pola empresa que xestionaba as barras do servizo de hostalaría que se instalou no Pavillón dos Remedios e na Alameda, xunto cun patrocinador.

"O Concello non desembolsa un euro polo caché artístico do grupo", sinala Pérez Jácome, quen avanza que esta fórmula terá continuidade nos próximos anos.


Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 634

Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 635
0.14500498771667