O Concello premia aos centros educativos ourensáns pola súa participación na San Martiño
O salón de plenos do Concello de Ourense acolleu esta mañá o acto de entrega de premios aos centros educativos pola participación do seu alumnado na edición número 47 da Carreira Pedestre popular do San Martiño, que se desenvolveu o día 10 de novembro na cidade.
O alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, e o concelleiro de Deportes, Aníbal Pereira, agradeceron a implicación dos colexios e institutos e dos seus equipos docentes para acadar a altísima participación coa que contou un ano máis esta tradicional cita deportiva, que superou a cifra de 9.000 atletas inscritos. “Moitísimas grazas a todos por facer desta carreira a mellor de Galicia. É a carreira máis antiga e tamén a máis populosa, e realmente é grazas a vós, porque máis do 50% da xente son atletas das categorías inferiores” manifestou o rexedor.
De acordo co regulamento da carreira, reciben un premio de 120 euros en material deportivo todos os centros que contaron cun mínimo de 25 deportistas clasificados/as, é dicir, que terminaron a carreira. Ademais, os 6 primeiros colexios clasificados de Primaria e os 6 primeiros de Secundaria e Bacharelato recibiron un premio adicional de 300 (1º), 250 (2º), 200 (3º), 150 (4º), 120 (5º) e 100 euros (6º).
Na categoría Sub10 participou alumnado de 39 colexios e clubs galegos, e o que achegou máis atletas foi Carmelitas Ourense (61), seguido de CEIP Prácticas (58), CPR María Auxiliadora Salesianos Ourense (55), CEIP Mestre Vide (39), Colexio San José - Josefinas (33) e CEIP Amadeo Barroso (32).
En Sub12 houbo corredores e corredoras de 41 centros educativos e equipos, sendo o primeiro o CEIP Prácticas (69), seguido de Carmelitas (56), Salesianos (50) e os CEIP Mestre Vide (42), O Couto (38) e Amadeo Barroso (31).
Na categoría Sub18 - Sub16 - Sub14, estiveron representados 61 colexios, institutos e clubs, sendo o que tivo máis participantes o IES O Couto, con 168, seguido dos IES As Lagoas (153) e Otero Pedrayo (150), o Colexio Divina Pastora Ourense (136), e os IES Ferro Couselo (118) e Blanco Amor (117).