O Concello recibe ao equipo Down Ourense, campión da liga española de debate 'Yo tengo opinión'
O alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, e a concelleira de Asuntos Sociais, Tamara Silva, recibiron esta mañá no Concello o equipo de Down Ourense, que o pasado domingo se proclamou campión da terceira edición de Yo tengo opinión, a liga de debate entre mozos con discapacidade intelectual. O grupo ourensán acadou a victoria tras superar a Down Madrid, que defendía o título obtido o ano anterior, na final que se desenvolveu en Madrid.
O alcalde felicitou a oradores e monitores por este trunfo a nivel nacional: “É extraordinario o que conseguistes. Que Ourense gañe un premio nacional non é fácil, así que é unha auténtica ledicia e énchenos de orgullo”, manifestou. Pérez Jácome animou o equipo de Down Ourense a revalidar o título na súa edición do ano próximo.
O equipo de Down Ourense está formado por Mikel Pan Vaquero, Laura Gil Requejo, Edwin Varela Morelaes, Pablo Varela Álvarez, Álvaro Nóvoa Justo, Saúl Álvarez Rodríguez e Francisco Diz Bañuelos. Ademais, este último obtivo tamén o recoñecemento como Mellor orador da competición. Como formadores participaron Brais Durán Taboada e Elena Vaamonde Salgado.
Esta mañá acudiron ao Concello a totalidade de integrantes do equipo, xunto co formador Brais Durán, a xerente de Down Ourense, Susana Rodríguez e o directivo Rafael Cabezas. Na visita expuxeron algúns dos argumentos que utilizaron nas intervencións realizadas no debate final da competición, que versaba sobre se é posible ou non manter unha alimentación saudable na actualidade. Os gañadores, por sorteo das posturas, defenderon que non.
Fixérono con elocuencia e diversidade de argumentos, que resumiu Francisco Diz: “a falta de tempo, de formación e información e unha publicidade enganosa mantéñennos atrapados nun ciclo de eleccións pouco saudables, con consecuencias negativas para a nosa saúde e benestar. Vivimos nunha realidade con viláns, onde o tempo escasea e a industria dos alimentos usa toda clase de trucos”, argüíu na súa intervención, que rematou cunha pregunta (en alusión á popular película Matrix): “Que pílula van tomar? Vermella ou azul? Prefires vivir nunha falsa utopía ou espertar?”