O concurso 'Barbadás a bocados 2024' remata con récord de participación
O concurso Barbadás a bocados bateu todos os seus rexistros na a súa sétima edición. Durante a entrega de premios aos gañadores, celebrada este xoves, fixéronse tamén públicos os datos relativos á participación deste ano. Así, entre o venres pola tarde e sábado, tamén pola tarde, consumíronse preto de 9.000 pinchos (8.800 exactamente) nos 14 locais de hostalaría que se inscribiron no concurso. Esta cifra non ten so un innegable valor cuantitativo, senón que tamén di moito sobre a calidade das creacións dos hostaleiros e hostaleiras de Barbadás, o que provocou unha participación récord, tanto en canto a locais como a clientes.
Con estes datos sobre a mesa, o alcalde, Xosé Carlos Valcárcel, e a concelleira de Comercio, Marga Pérez, puxeron en valor a aportación deste concurso de pinchos á dinamización dun sector que non deixa de medrar e da propia localidade, que durante os días do concurso incrementa notablemente o ambiente que percorre as súas rúas e os seus establecementos.
Con relación aos premios, este ano houbo coincidencia entre o fallo do xurado profesional e a votación popular, que elixiron gañador ao mesmo pincho. A primeiro premio en ambas categorías foi para unha filloa con champiñóns, xamón, crema de quiexo e crocante servida en “A Cova do Savio”.
Mentres, o segundo premio profesional recaeu no establecemento “Claret´s Food” (pincho a base de carne mechada, arroz branco, plátano macho, feixóns negros e queixo) e o popular foi para “A Lo Maracucho” (pincho de plátano macho, carne picada, tomate, cebola e cilantro).
Na votación popular participaron 649 persoas, das que seis resultaron premiadas por sorteo cun lote de produtos dos colaboradores do concurso: Coto de Ousande, cervexa
Esmorga, Adega Cotarelo e Coren, aos que tamén se suma como patrocinador Abanca.