O Concurso de Maios e Coplas de Allariz terá lugar o venres 3 de maio na Alameda

OurenseXa
Os interesados poderán inscribirse ata o 30 de abril
maios_allariz
Os Maios, Allariz, 2023
12 abr 2024

O 3 de maio celebrarase en Allariz a tradicional festividade dos Maios e o Concurso de Coplas, que terá lugar na Alameda.

O evento dará comezo ás 11:30 horas do venres 3 de maio, momento no que os Maios farán a súa chegada á Alameda, onde permanecerán expostos durante toda a fin de semana. Dende o Concello animan a participar a todos os interesados, que poderán gozar dun concurso de Coplas a partir das 11:30 horas ata as 13:30 horas, co acompañamento musical do Grupo de Gaitas De Pé Feito.

A inscrición para Os Maios está aberta ao público en xeral e debe formalizarse na Casa da Cultura de Allariz. Os interesados poden inscribirse individualmente ou como grupo, cun mínimo de 8 persoas. Establécense premios en efectivo para os tres primeiros lugares en cada modalidade. Os Maios deben construírse seguindo a tradición, utilizando materiais como madeira, arpilleira, musgo, entre outros.

En canto ao concurso de Coplas, establécense dúas categorías: Coplas de nenos de 3 a 11 anos e Coplas de adultos a partir dos 12 anos. Requírese a inscrición como grupo, cun mínimo de 8 persoas. As coplas entregaranse mecanografadas na Casa da Cultura e serán cantadas o propio día 3 de maio na Alameda, a partir das 11:30 horas.

O prazo de inscrición finaliza o 30 de abril tanto para anotarse na modalidade de Maios como de Coplas. O veredicto do xurado darase a coñecer o 6 de maio a través dos canles habituais do concello.