25 persoas fórmanse no Obradoiro Dual de Emprego de Boborás, Leiro e Maside

Un total de 25 persoas están a formarse no Obradoiro Dual de Emprego "Agrupación Bolemás", un proxecto conxunto dos concellos de Boborás, Leiro e Maside que combina capacitación profesional e emprego real. Do total de participantes, 20 son alumnado-traballador: reciben formación práctica, obteñen un certificado de profesionalidade e contan cun contrato laboral e salario durante todo o proceso. As cinco persoas restantes integran o equipo directivo e docente encargado de coordinar e impartir a formación.
O programa artéllase arredor de dúas especialidades. Por unha banda, a rama de albanelería céntrase na recuperación e restauración de varios lavadoiros tradicionais, contribuíndo así á conservación do patrimonio etnográfico dos tres municipios. Por outra, a especialidade forestal permite executar de forma subsidiaria a limpeza de parcelas situadas na franxa de protección das aldeas cuxos propietarios non cumpriron coa obriga legal de desbroce, xa sexa por estaren ilocalizables, por descoñecerse a súa identidade ou por simple incumprimento.
Trátase, ademais, da primeira vez que Boborás, Leiro e Maside colaboran conxuntamente nun obradoiro dual, despois de que Leiro se incorporase este verán en substitución de O Carballiño.
A evolución do proxecto puido comprobarse durante unha visita ao Concello de Boborás do conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, acompañado pola directora xeral de Formación e Cualificación para o Emprego, Zeltia Lado, e pola directora territorial da Consellería en Ourense, Marta Vázquez. Na xornada tamén participaron os rexedores dos tres municipios promotores e os concelleiros de Boborás Rosy Pérez e José López.