O conselleiro de Sanidade nega ter renunciado á creación do futuro CIS de Ourense

O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, asegurou este mércores no Parlamento de Galicia o interese “prioritario” da Xunta por facer realidade o novo Centro Integral de Saúde de Ourense. Un proxecto, segundo o concelleiro, o Goberno galego agarda que se poida licitar “o máis axiña posible” e coas máximas garantías legais.
Caamaño respondía así a unha pregunta do BNG , sobre a situación do futuro CIS, ao que a Deputada Noa Presas cualificou como a “chapuza da Xunta” na cidade, lembrando que recentemente, a Xunta de Galicia avanzaba aos medios de comunicación a decisión de paralizar a obra, até que o Xulgado falle os recursos veciñais, situación que vén despois dunha forte oposición tamén no ámbito das e dos sanitarios e das e dos usuarios e usuarias á proposta de traslado da Xunta.
O Goberno Galgo, advertiu Presas “prometeu no ano 2020 un Centro Integral de Saúde sabendo que non tiña garantías de viabilidade técnica e sen falar co persoal sanitario implicado”. Porén, denuncia, “agora atopámonos con que non hai transparencia nin explicacións sobre o futuro dun investimento que está paralizado coa desculpa das demandas xudiciais da veciñanza”.
Durante a súa intervención, o conselleiro defendeu a xestión “rigorosa e dilixente” do Gobierno galego en todos os trámites necesarios para acometer a remodelación integral do centro de saúde Novoa Santos, e remarcou que esta actuación é considerada como “estratéxica” para adaptar a atención primaria de Ourense ás necesidades actuais da cidade. Ademais, insistiu en que o Executivo declarou esta intervención como un proxecto público de urxencia e excepcional interese, unha fórmula legal que permite axilizar o desenvolvemento de infraestruturas estratéxicas.
Segundo apuntou, ante a apertura dun proceso xudicial ao proxecto, a Xunta actuará con “prudencia” e “responsabilidade”, agardando por unha resolución definitiva para proceder á licitación da obra, e así garantir, segundo Caamaño, a máxima seguridade xurídica para os veciños e profesionais do centro de saúde.
“Non renunciamos a dotar aos veciños de Ourense dun Centro Integral de Saúde de vangarda, nin moito menos. Apostamos por facelo coas máximas garantías e coa máxima seguridade. Ese é o noso deber como Administración“, defendeu o responsable de sanidade.