O control na recepción da uva reforza a garantía de orixe e calidade dos viños no Ribeiro

O director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, Martín Alemparte, visitou este mércores a adega A Vilerma, situada en Leiro e adscrita á Denominación de Orixe Ribeiro, para coñecer sobre o terreo o sistema de control que os consellos reguladores aplican durante a vendima sobre a uva que entra nas adegas.
A recepción da uva é un dos momentos clave deste proceso: nel verifícase a súa procedencia, a súa correspondencia coas parcelas e os operadores inscritos, e o cumprimento das producións máximas e do resto de condicións fixadas no prego de cada denominación.
Estes controis permiten acreditar que a uva empregada na elaboración dos viños amparados procede realmente do territorio delimitado e cumpre as condicións esixidas para comercializarse baixo o nome da denominación correspondente. Ademais, contribúen a evitar que uva allea á área protexida, ou non autorizada, entre no circuíto da denominación, unha práctica que prexudicaría tanto aos viticultores coma ás adegas que si respectan a normativa.
O sistema cumpre así unha dobre función: protexe aos operadores, ao garantir unhas mesmas regras para todos, e dá confianza aos consumidores, que poden dar por feito que detrás do selo dunha denominación de orixe existe un mecanismo de trazabilidade capaz de acreditar a procedencia e autenticidade do produto.
A autoridade competente nesta materia é a Axencia Galega da Calidade Alimentaria, que delega nos consellos reguladores a vixilancia do cumprimento da normativa de cada denominación, baixo a súa propia supervisión.
Dispositivo reforzado durante a campaña
Os cinco consellos reguladores vitivinícolas galegos contan con 22 persoas dedicadas de forma permanente ao control, ás que se suman outras 45 con contratos temporais durante a vendima, ata sumar un total de 67 persoas. A este equipo engádese o persoal da Consellería do Medio Rural e a colaboración das forzas e corpos de seguridade do Estado e da policía autonómica, que participan especialmente no control dos movementos de uva e mosto polas vías públicas e na comprobación da documentación de acompañamento.
Para sosteren este dispositivo, a Consellería do Medio Rural mantén unha liña de axudas destinada aos custos dos controis, complementada con outra para gastos de funcionamento. En 2026, ambas as dúas liñas supuxeron que os cinco consellos reguladores vitivinícolas recibisen máis de 273.000 euros.