O cruzamento do Seminario permanecerá pechado ao tráfico durante un mes por obras de reparación

O Concello de Ourense informou de que o vindeiro 29 de xullo entrará en vigor un corte de tráfico no cruzamento entre a rúa do Seminario e as rúas do Entroido e Bispo Muñoz de la Cueva debido ás obras de reparación que a Xunta de Galicia está a executar nesta contorna.
A restrición afectará á circulación de vehículos durante un período estimado dun mes, tempo no que permanecerá pechado este punto da cidade mentres se desenvolven os traballos.
Co obxectivo de minimizar as afeccións á mobilidade da veciñanza, a Policía Local estableceu un dispositivo especial para facilitar o acceso ás vivendas e garaxes da zona. Así, as persoas que residan ou teñan acceso polas rúas do Entroido e Arco da Vella poderán entrar e saír a través da propia rúa do Entroido, que será habilitada de forma provisional en dobre sentido de circulación.
Pola súa banda, os vehículos con destino á rúa Bispo Muñoz de la Cueva e ás vías próximas deberán realizar tanto a entrada como a saída pola rúa do Choco, que será o único itinerario habilitado para estes desprazamentos mentres duren as obras.
Os traballos tamén obrigarán a introducir cambios no servizo de autobús urbano. As liñas afectadas desviarán o seu percorrido de entrada pola avenida da Ribeira Sacra en dirección á rúa Vista Fermosa, onde realizarán un cambio de sentido ao chegar á rúa do Seminario para posteriormente descender de novo por Vista Fermosa e recuperar o itinerario habitual.
Desde a Policía Local solicitan á cidadanía a máxima colaboración durante este período, recomendando extremar a precaución, respectar a sinalización provisional instalada na zona e planificar con antelación os desprazamentos para reducir as incidencias derivadas desta actuación.