O debate sobre a eliminación das roldas de prensa por parte do alcalde chega este venres ao Pleno do Concello de Ourense

OurenseXa
Os socialistas levarán ao Pleno unha moción para a defensa do dereito á información e a liberdade de prensa no Concello de Ourense
concello-ourense-recurso
Concello de Ourense
13 Dec 2024

O Pleno do Concello de Ourense debate este venres a medida anunciada fai apenas unhas semanas por parte do alcalde, Gonzalo Pérez Jácome, de eliminar as roldas de prensa do Concello de Ourense e substituílas polo que el mesmo denomina “roldas informativas”, nas que a participación por parte dos profesionais da información limítase á posibilidade de realizar preguntas a través dunha canle de WhatsApp.

Os socialistas levarán ao Pleno unha moción para a defensa do dereito á información e a liberdade de prensa no Concello de Ourense, logo de denunciar a situación ante a Xunta, incidindo no feito de que o propio alcalde emite ditas roldas informativas a través dunha canle privada e para o seu propio beneficio. Lembran, ademais, que ao negar a presenza da prensa, é o propio alcalde o que decide que preguntas responde e cales non, “respondendo el aos que considere máis axeitados”.

O grupo municipal socialista leva tamén este venres unha moción para instar á Xunta de Galicia a incluír unha partida, nos orzamentos de 2025, para realizar a segunda fase de remodelación do estadio do Couto.

Pola súa banda, o Pleno debaterá unha moción do BNG relativa á necesidade dunha nova exposición pública do Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) actualmente en trámite, mentres que o PP presenta a súa moción para pedir a constitución dunha comisión sociosanitaria e posterior redacción dun plan municipal de saúde.

⚙ Configurar cookies
0.033748865127563