O desfile do Entroido reunirá hoxe na cidade medio cento de comparsas con máis de 2.000 participantes
Medio cento de comparsas, con máis de 2.000 participantes, animarán este domingo, 11 de febreiro, o Desfile do Entroido de Ourense 2024, que sairá ás 16.30 horas desde As Lagoas (glorieta da Policía Nacional) e avanzará por Curros Enríquez e Xoán XXIII para rematar na rúa do Progreso, á altura da confluencia coa rúa Parada Justel. Serán en total 44 comparsas, con 23 carrozas, que irán acompañadas na súa ruta polas charangas Dr Anchoa, Trópico de Grelos e CLK.
A organización habilitou para o desfile dous puntos para persoas con mobilidade reducida, no Parque de San Lázaro e na rúa do Progreso (fronte á Deputación). Ao longo do Entroido, tamén haberá outros dous puntos para as persoas con mobilidade reducida na Praza de Bispo Cesáreo e na Praza Maior, para os concertos e orquestras.
Logo do desfile, a programación de actividades organizadas polo Concello para esta xornada continuará na rúa do Progreso con baile coa orquestra Marbella, ás 18.30 horas, a entrega dos premios do concurso de comparsas e carrozas ás 20.00 horas e a actuación de Henry Méndez, ás 20.30 h, no mesmo lugar
O Concello premiará as mellores comparsas e carrozas participantes a través dun concurso, no que se inscribiron 41 agrupacións. O certame repartirá premios en catro categorías:
• Comparsas con máis de 10 compoñentes: 1º premio 1.000 €, 2º premio 800 €, 3º premio 600 €
• Comparsas con menos de 10 compoñentes: 1º premio 500 €, 2º premio 400 €, 3º premio 300 €
• Especiais Comparsas: á máis numerosa 500 €, á máis ocorrente ou graciosa 500 €, á de mellor animación / musical 500 €
• Carrozas: Mellor deseño 500 € e Mellor animación 500 €
Tamén haberá axudas para todas as comparsas e carrozas participantes que completen o desfile e non acaden ningún premio.