O DOG oficializa o peche de catro escolas unitarias por falta de alumnado en Boiro, Mesía, Taboadela e Portas

GaliciaXa | OurenseXa
A Xunta xa anunciara previamente estas decisións, argumentando que os centros non contaban cunha matrícula suficiente e tampouco existían previsións de incremento do número de alumnos
alumnos-estudantes-instituto-educacion
25 Aug 2026

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publicou este martes a orde que establece a modificación dos postos de traballo docentes nos centros públicos dependentes da Consellería de Educación e que confirma o peche de catro escolas unitarias por falta de alumnado. As instalacións afectadas están situadas nos concellos de Boiro e Mesía, na Coruña, Taboadela, en Ourense, e Portas, en Pontevedra.

A medida forma parte da reorganización das unidades e dos postos docentes dos centros públicos de educación infantil, primaria e especial, unha revisión que a Xunta xustifica na necesidade de adaptar a estrutura educativa ás necesidades reais da poboación escolar e á evolución demográfica.

En total, a orde introduce cambios en arredor de 250 centros de diferentes tipoloxías, entre eles colexios de educación infantil e primaria, centros públicos integrados, centros de educación especial e colexios rurais agrupados.

No caso das escolas que deixarán de funcionar, o DOG recolle o peche do CEIP Pazos-Comoxo, en Boiro; da Escola de Educación Infantil de Olas, en Mesía; da EEI de Taboadela e da EEI de Lantaño, en Portas.

A Xunta xa anunciara previamente estas decisións, argumentando que os centros non contaban cunha matrícula suficiente e tampouco existían previsións de incremento do número de alumnos. En concreto, a escola unitaria de Mesía tiña cinco alumnos matriculados, mentres que a de Taboadela contaba cun único estudante. En Portas eran tres os alumnos e en Boiro dous.

A Consellería de Educación defende que a reorganización responde á necesidade de adaptar o mapa escolar galego á realidade demográfica e de adecuar os cadros de persoal ás necesidades dos centros, especialmente para reforzar a atención á diversidade mediante a incorporación de profesorado especialista.

A orde publicada no DOG tamén establece os criterios que se aplicarán para a mobilidade do persoal funcionario nos propios centros, así como os procedementos para solicitar os novos postos de traballo. Ademais, recolle a aplicación da normativa relativa á perda do destino definitivo e outras cuestións relacionadas coa reorganización dos cadros docentes.

0.14439415931702