O DOG publica as novas axudas para a xestión dos ciclos da auga nos concellos por valor de 1 millón de euros
A Xunta publica no Diario Oficial de Galicia de hoxe (DOG) as convocatorias de axudas para que os concellos minimicen as perdas de auga e realicen auditorías nas redes de saneamento cun importe global de máis de 1 M€.
A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, mantivo hoxe en un encontro de traballo con representantes da Deputación Provincial de Ourense, encabezados pola súa vicepresidenta, Marta Nóvoa, e con representantes de AquaOurense, a empresa do organismo provincial que presta asistencia técnica aos concellos da provincia en materia de augas.
A reunión de traballo atendeu á solicitude trasladada pola Deputación para abordar os retos que supón a xestión do ciclo da auga e intercambiar información de cara a avanzar nunha maior eficacia e eficiencia na xestión municipal do abastecemento e de saneamento, de competencia dos concellos. A Deputación presta apoio técnico e económico ás entidades locais na redacción de plans de emerxencia fronte á seca ou na elaboración de auditorías nas redes municipais, en liña co traballo da administración autonómica.
A Xunta informou á entidade provincial e aos representantes de AquaOurense das dúas convocatorias que hoxe publica o DOG dirixidas aos concellos: unha para que acometan obras que lles permitan minimizar as perdas de auga nas súas redes de abastecemento, e outra para que realicen auditorías nas súas redes municipais de saneamento.
Por unha parte, hoxe o DOG publica a 1ª convocatoria de incentivos, por importe de case 738.000 €, destinados a acometer actuacións que permitan minimizar as perdas de auga nas redes municipais de abastecemento e incrementar a súa eficiencia naqueles concellos, precisamente, que xa teñan realizada a auditoría que cuantifique esas perdas e aprobado o Plan de actuacións para atallalas, de acordo co establecido na normativa vixente.
Estes incentivos están dirixidos aos concellos, responsables de sistemas de abastecemento que dean servizo a unha poboación total ou inferior a 50.000 habitantes e cubren o 80% do investimento da intervención, cun máximo de 45.000 € por solicitude.
Serán subvencionables os investimentos realizados desde o 1 de xaneiro de 2024 destinados á execución das obras incluídas nese Plan de actuacións para minimizar as perdas de auga que debe ter aprobado o Concello solicitante. Inclúense os investimentos realizados nas obras, na instalación de equipos e tamén os gastos asociados a elas, como documentos técnicos, accións preventivas, de coordinación empresarial, ata un máximo do 10% da subvención.
A outra orde de incentivos que hoxe recolle o DOG, por importe de 300.000 €, vai dirixida tamén aos concellos para que poidan realizar auditorías nas redes municipais de saneamento para detectar e erradicar as infiltracións de augas brancas na rede identificar os puntos de alivio e evitar vertidos. Estímase que as infiltracións nas redes de saneamento municipal acadan de media, entre o 40 e o 50%.
Neste caso, esta é a 2ª convocatoria de axudas dirixidas á elaboración de auditorías nos sistemas de saneamento municipal, para que os concellos conten cun instrumento básico de detección dos seus problemas e poidan adoptar as medidas necesarias para atallalos en aras de gañar eficiencia na prestación do servizo.
Os municipios de ata 50.000 habitantes poden acollerse a estes incentivos para financiar as auditorías que fagan nas súas redes de saneamento desde o 1 de xaneiro. Esas auditorías deberán recoller unha determinada información, como recolle a propia convocatoria do DOG: descrición detallada da rede e do seu funcionamento; inventario de elementos singulares; planos e documentación gráfica; ou unha sectorización do sistema. Estas axudas subvencionarán o 80% do gasto, cun máximo de 15.000€.
O prazo para presentar solicitudes a estas dúas convocatorias é de 1 mes, ata o 29 de febreiro. As subvencións son compatibles con outras que poidan conceder outras administracións a estes fins.
Cómpre lembrar que estas axudas se suman ás publicadas pola Xunta o pasado venres no DOG, por importe global de 700.000 €, para a mellora das instalacións das traídas veciñais e para auditorías nas redes de abastecemento municipais para atallar as perdas e lograr que non se supere o 20% de media. Neste caso, as axudas se poden solicitar ata o 26 de febreiro.