O dúo formado por Arabel Moragüez e Pilar Moragüez actuará este venres no Liceo

OurenseXa
O concerto leva por título “Cuba e Galicia en canción” e comezará ás 20:00 horas
concerto-liceo-cuba-en-galicia
18 Jun 2026

O Salón Nobre do Liceo de Ourense será escenario mañá ás 20:00 horas dun concerto protagonizado polo dúo integrado por Arabel Moragüez ao piano e Pilar Moragüez como soprano, nun recital que leva por título “Cuba e Galicia en canción”.

O programa propón un percorrido musical que establece un diálogo entre a tradición galega e a música cubana a través da canción de concerto dos séculos XX e XXI, explorando vínculos culturais, históricos e expresivos entre ambos territorios.

A primeira parte do recital estará centrada en obras vinculadas a Galicia, cun repertorio que combina creacións de autores como Juan Durán, José Luís Pedrosa, Delfín Álvarez Martínez e Pablo Beltrán sobre textos de Lois Pereiro. Estas pezas ofrecen unha visión intimista na que a poesía e a música se integran nun discurso de carácter lírico e evocador, conectado coa tradición e a memoria.

Na segunda parte, a proposta musical desprázase cara a Cuba, cun repertorio no que destacan compositores como Ernesto Lecuona, Gonzalo Roig ou Eliseo Grenet. Neste bloque, a canción de concerto incorpora elementos do teatro lírico, a música popular e influencias afrocaribeñas, configurando un conxunto marcado pola diversidade rítmica e expresiva.

O concerto preséntase así como unha viaxe sonora entre dúas culturas que, a pesar da distancia xeográfica, comparten puntos de encontro na súa identidade musical e na súa capacidade para a expresión lírica.

0.12461495399475