O Entroido de Farrumecos de Sobradelo celebrarase o 8 de febreiro
O vindeiro 8 de febreiro, o entroido regresará á parroquia de Sobradelo, en Xunqueira de Ambía, da man da Asociación Cultural O Sobradelo do Tarangaño en colaboración co Concello. Os tradicionais Farrumecos volverán a saír ás rúas nunha xornada chea de actividades para todos os públicos.
As actividades arrancarán ás 12.00 horas coa saída do desfile en Xunqueira de Ambía, amenizado pola música do grupo local Aturuxa Pandeiretas. Os entroidos convidados para este ano son os Felos de Esgos, as Bonitas de Sande, as Pantallas de Xinzo e os Peliqueiros e Parranfóns de Campobecerros.
Xa pola tarde, a partir das 17.00 horas, os entroidos percorrerán as rúas e visitarán as casas da aldea de Sobradelo. A animación correrá a cargo de Perrito Piloto. Ás 20.00 horas terá lugar a tradicional Cea de Farrumecos, para a que haberá que anotarse antes do 3 de febreiro. Para rematar, ás 22.00 horas haberá un concerto de Rubén Abel, máis coñecido como O Moro.