O Entroido de Frei Canedo regresará este ano con importantes novidades
A Asociación Cultural Frei Canedo da Ponte xa está a ultimar os detalles para a nova edición do Entroido do barrio da Ponte, que se celebrará do xoves 28 de febreiro ao martes 4 de marzo. Entre as novidades deste ano destacan a incorporación de dous concursos abertos á cidadanía e a celebración da primeira Festa de Comadres, que promete converterse nun dos eventos máis destacados do programa.
Concurso para o cartel oficial do Entroido 2025
Por primeira vez, a organización abre a participación no concurso do cartel oficial do Entroido de 2025 a todas as idades. As persoas interesadas en participar poderán enviar os seus deseños ata o 31 de xaneiro en formato JPG e PDF ao correo electrónico da asociación (asociacionculturalfreicanedo@gmail.com). O deseño gañador, que se anunciará o 7 de febreiro a través das redes sociais, recibirá un premio de 100 euros que se entregará o 3 de marzo durante o pregón e antes do tradicional desfile.
Bases do concurso:
- Libre e aberto a todas as idades.
- O cartel debe incluír elementos relacionados co Entroido e co barrio da Ponte.
- Debe incorporar unha adaptación da figura de Frei Canedo.
- Só se permite un cartel por participante.
- O deseño gañador pasará a ser propiedade intelectual da Asociación Cultural Frei Canedo da Ponte, que se reserva o dereito a modificalo para o seu uso en diferentes contidos.
Concurso de escaparates para os negocios locais
Os comercios do barrio tamén poderán sumarse ao ambiente festivo a través do concurso de escaparates. A decoración deberá incluír motivos do Entroido e de Frei Canedo, e os negocios interesados terán ata o 24 de febreiro para inscribirse enviando un correo coa súa información de contacto.
Un xurado visitará os escaparates inscritos durante os días de Entroido, e o gañador, que se anunciará o 28 de febreiro, recibirá un premio de 100 euros e un convite para dúas persoas á cea do luns na carpa.
Primeira Festa de Comadres aberta ao público
Outra das grandes novidades deste ano será a I Festa de Comadres do barrio da Ponte, que se celebrará na carpa do parque situado baixo a Ribeira de Canedo, o epicentro do Entroido no barrio. Por primeira vez, este evento, tradicionalmente reservado para confrades e persoas achegadas á asociación, estará aberto a calquera persoa que desexe participar.
A festa comezará cunha cea e continuará con actuacións musicais. O único requisito para asistir será acudir disfrazado de muller. Próximamente publicarase o menú, o prezo e os puntos de venda das entradas.
Fomentar a participación veciñal
Dende a Asociación Cultural Frei Canedo destacan que estas iniciativas buscan "fomentar aínda máis a participación da veciñanza e dos negocios locais, sumándoos á celebración do Entroido". Ademais, nas próximas semanas darase a coñecer o programa completo de actividades e o resto dos concursos previstos.
O Entroido do barrio da Ponte promete ser un evento cargado de tradición, creatividade e espírito festivo, consolidándose como unha das citas máis importantes do calendario cultural local.