O Espazo Violeta da biblioteca do campus de Ourense recibe un premio á igualdade

OurenseXa
O Edificio de Ferro do campus acolleu a entrega do XIII Premio UViguala, que foi para Alejandra Babarro, Mercedes Pérez e Alba Portela, promotoras do Espazo Violeta da Biblioteca Universitaria Rosalía de Castro
Alejandra Babarro, Manuel Reigosa, Mercedes Pérez e Yolanda Rodríguez, imaxe da UVigo
Alejandra Babarro, Manuel Reigosa, Mercedes Pérez e Yolanda Rodríguez, imaxe da UVigo
7 Mar 2025

O Edificio de Ferro do campus acolleu este xoves o acto institucional polo 8M, no que se entregou o XIII Premio UViguala. Este ano, o galardón foi para Alejandra Babarro, Mercedes Pérez e Alba Portela, promotoras do Espazo Violeta da Biblioteca Universitaria Rosalía de Castro.

A Universidade de Vigo celebrou este xoves o seu acto institucional polo 8 de marzo, Día Internacional da Muller, coa entrega do XIII Premio Uviguala 2025. Este recoñecemento recaeu en Alejandra Babarro, Mercedes Pérez e Alba Portela, técnicas da Biblioteca Universitaria Rosalía de Castro do campus de Ourense, polo seu labor na creación e xestión do Espazo Violeta. Este espazo, dedicado á difusión de fondos sobre feminismo e igualdade, tamén organiza actividades de sensibilización, como os días de activismo, que conmemoran datas clave na loita polos dereitos das mulleres.

O acto tivo lugar no Edificio de Ferro do campus de Ourense e contou coa presenza do reitor da Universidade de Vigo, Manuel Reigosa, e outras autoridades académicas. Na súa intervención, Reigosa destacou a importancia da universidade como motor de cambio social e o seu “compromiso absoluto” coa igualdade, subliñando que na actualidade persisten discursos que cuestionan os avances acadados nesta materia. Pola súa banda, a directora da Unidade de Igualdade, Yolanda Rodríguez, resaltou o valor do premio como unha mostra do compromiso da UVigo coa igualdade real de dereitos e o empoderamento das mulleres dentro da comunidade universitaria.

O Espazo Violeta, situado na Biblioteca Rosalía de Castro, naceu como iniciativa permanente o 8M de 2023, aínda que a súa orixe remóntase a 2014, con actividades de visibilización da igualdade no centro. Ademais da súa colección de obras sobre feminismo e igualdade, é un espazo vivo que promove a concienciación a través de eventos e da difusión en redes sociais. O xurado destacou o impacto desta iniciativa na comunidade universitaria e o seu papel na promoción da igualdade de xénero, na loita contra a violencia machista e na visibilización de mulleres investigadoras, especialmente no ámbito STEM. Por este motivo, a Unidade de Igualdade recomendou que este modelo se estenda a todas as bibliotecas da Universidade de Vigo.

As galardoadas, ao recoller o premio, agradeceron o recoñecemento e fixérono extensible ás súas compañeiras e compañeiros da biblioteca. Destacaron que o Espazo Violeta é unha ferramenta clave para fomentar a igualdade, o respecto e a tolerancia, e que o seu labor continuará nesta liña.

Homenaxe ás lavandeiras

Ademais do premio Uviguala, o acto institucional do 8M na Universidade de Vigo rendeulle homenaxe ás lavandeiras, mulleres que durante décadas realizaron un traballo duro e pouco recoñecido, desafiando os roles de xénero. A campaña deste ano puxo en valor o seu esforzo, que non só implicaba longas xornadas lavando roupa en auga fría, senón tamén cargar con grandes pesos e desempeñar outros traballos téxtiles. Esta homenaxe completouse cunha regueifa feminista a cargo de Branca Trigo, que conectou a loita destas mulleres coa reivindicación actual pola igualdade.

A Universidade de Vigo tamén se adheriu aos manifestos da CRUE e da RUIGEU en favor da igualdade de xénero, e diferentes centros da institución celebraron actividades relacionadas co Día Internacional da Muller.

⚙ Configurar cookies
0.6027569770813