O Espazo Xove de Ourense inaugurará este venres a exposición colectiva “Primeiros Pasos”

OurenseXa
A mostra reunirá creacións pictóricas dos nenos e nenas participantes na actividade Artistic Corner
espazo-xove-ourense
13 May 2026

O centro socioeducativo Smart Corner “Educación Emocionante”, en colaboración co Espazo Xove, inaugurará este venres 15 de maio ás 20.00 horas a exposición colectiva “Primeiros Pasos”, unha mostra formada polas creacións pictóricas dos nenos e nenas participantes na actividade Artistic Corner.

A exposición poderá visitarse no Espazo Xove, situado na Casa da Xuventude de Ourense, e recolle traballos realizados ao longo do curso escolar por alumnado dos distintos colexios da cidade nos que se desenvolve esta actividade, así como por participantes do propio centro e dos obradoiros de pintura organizados polo Espazo Xove.

No acto de inauguración estarán presentes o xerente de Smart Corner, Mauro Santos; responsables do Espazo Xove; e o instructor de pintura Antón P. Couto, encargado de acompañar aos máis pequenos no proceso creativo.
A mostra permanecerá aberta durante un mes e reunirá obras de estilos variados nas que os nenos e nenas expresan emocións, creatividade e talento artístico a través da pintura.

A entrada será libre tanto para a inauguración como para a visita á exposición, que está aberta ás familias ourensás e a todas as persoas interesadas en achegarse ás expresións artísticas da infancia.

0.10087394714355