O Fest Clásico Ribeira Sacra celebra a súa oitava edición con músicos procedentes de cinco países

GaliciaXa | RibeiraSacraXa | OurenseXa
O festival arranca este domingo e levará a concertos do máis alto nivel artístico en diferentes espazos da Ribeira Sacra
fest-clasico-ribeira-sacra
22 Aug 2026

A oitava edición do Fest Clásico Ribeira Sacra celebrarase do 23 ao 30 de agosto de 2026 coa participación de músicos de recoñecida traxectoria internacional como Carole Petitdemange, Tomoko Akasaka, Julio Pastor, Anton Kernjak e Beatriz Blanco.

Os artistas ofrecerán concertos do máis alto nivel artístico en diferentes espazos da Ribeira Sacra. Unha das principais novidades desta edición será a incorporación do piano en dous dos concertos dos artistas residentes. Debido ás necesidades loxísticas, estas actuacións celebraranse en auditorios.

Os artistas residentes, procedentes de Francia, Xapón, Austria e Suíza/España, reuniranse no Centro de Inmersión Lingüística de Os Peares para realizar os ensaios previos aos concertos, que estarán abertos ao público.

Os concertos desta edición terán lugar no Auditorio Municipal de Chantada, na igrexa de San Martiño de Nogueira e no Auditorio Municipal de Quiroga. Na sede do Consorcio Local de Os Peares tamén se poderá escoitar os novos músicos galardoados co Premio Galimusic Fest Clásico Ribeira Sacra 2025: Lucía Lara, ao violín, e Abel Gómez-Antequera, ao violonchelo, acompañado de Raquel Garzás ao piano.

Ademais, os finalistas do concurso de 2026, é dicir, os participantes que superen a segunda fase do evento, actuarán durante o “Concerto Vermú”, que terá lugar o domingo 30 de agosto ás 12.00 horas.

Tras o concerto de clausura celebrarase a cerimonia de entrega do Premio Galimusic-Fest Clásico Ribeira Sacra. As persoas gañadoras recibirán un premio de 1.500 euros, posible grazas a un acordo de colaboración coa AIE.

O galardón incluirá tamén a oportunidade de ofrecer un recital como solistas principais no concerto de inauguración do festival de 2027, correspondente á novena edición do Fest Clásico Ribeira Sacra.

Como en edicións anteriores, a entrada aos concertos será gratuíta, aínda que será necesario realizar unha reserva previa a través da páxina web do festival.

A organización agradece tamén as contribucións económicas destinadas a apoiar a continuidade do evento. Entre as posibilidades de colaboración atópase a opción de facerse “Amigo do Festival”, condición que se pode solicitar a través da web, así como o Programa de Mecenado destinado ao público e ás empresas. As persoas que teñan dita condición contarán con prioridade á hora de reservar asentos.

O festival conta co apoio da Xunta de Galicia, das Deputacións Provinciais de Lugo e Ourense, do Consorcio de Turismo da Ribeira Sacra, do Consorcio Local de Os Peares, da AIE, dos bispados de ambas as provincias e dos concellos participantes. Tamén colaboran diferentes empresas, entre elas Naturgy, Galimusic, Caixa Rural Gallega, Regina Viarum e Gadis.

0.15158796310425