O Festival Folclórico de Música e Danza Tradicional da 64ª Festa do Pulpo estará protagonizado por oito grupos galegos

OurenseXa
A programación desenvolverase durante toda a xornada do domingo 9 de agosto no Parque Municipal do Carballiño con pasarrúas, concertos e propostas para todos os públicos
grupo_Pataghulhos
6 Aug 2026

A música tradicional galega volverá ocupar un lugar destacado na programación da 64ª Festa do Pulpo do Carballiño coa celebración do Festival Folclórico de Música e Danza Tradicional, que terá lugar este domingo 9 de agosto no Parque Municipal.

A cita reunirá un total de oito formacións galegas nunha programación que se desenvolverá entre as 12.00 e as 20.00 horas, combinando actuacións itinerantes e concertos nun dos espazos centrais da festa.

A xornada arrancará ás 12.00 horas cos pasarrúas protagonizados por Feitizo de Pau, a Banda de Gaitas Os Catro Ventos, Feixoada e Os Serandeiros, que percorrerán distintos puntos do Parque Municipal para amenizar tanto as tabernas como as zonas de reunión de familias e grupos de amizades.

Media hora despois, ás 12.30 horas, comezarán as actuacións no entorno do palco da música coa proposta infantil “Paio e o poder da música”, da compañía Oviravai. O espectáculo está dirixido ao público familiar e contará as aventuras do oso Aurelio e do armadillo Armando para transmitir valores como a amizade a través da música.

Ás 14.00 horas será a quenda de Maianas, un grupo formado por cinco pandereteiras e cantareiras de Ames que interpretarán un repertorio baseado na tradición musical galega.

Xa pola tarde, ás 15.30 horas, subirá ao escenario Pataghulhos, unha formación do Morrazo que combina instrumentos tradicionais, como a gaita e o bombo, con violíns e guitarras.

O Festival Folclórico rematará ás 19.00 horas coa actuación de Ardentía, banda viguesa cunha ampla traxectoria no panorama da música tradicional galega, encargada de pechar unha xornada dedicada ao folclore dentro da programación da Festa do Pulpo.

0.13320398330688