O Festival Internacional de Teatro de Ourense reunirá en outubro teatro, danza e circo en Ourense, Celanova e Ribadavia

O Festival Internacional de Teatro de Ourense celebrará a súa edición de 2026 entre o 15 e o 25 de outubro en distintos espazos da capital ourensá, Celanova e Ribadavia. O certame, organizado por Sarabela Teatro, aposta un ano máis pola creación galega e polo intercambio con propostas escénicas chegadas doutros territorios, cunha programación que combina teatro, danza, circo contemporáneo e intervencións de rúa.
A mostra consolídase como un punto de encontro para o sector profesional galego e como unha vía para achegar ao público novas linguaxes escénicas. O festival conta cunha das axudas que a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude destina a mostras escénicas, unha liña que en 2026 repartiu 290.000 euros entre 13 eventos.
Teatro de Ningures inaugurará a programación o xoves 15 no Teatro Principal coa estrea absoluta de 'Thelma e Lola'. A compañía presentará ademais, por primeira vez, a súa nova proposta 'Arun Run', que levará o espectáculo 'Inorganic' ás rúas de Ourense os días 17, 18, 23, 24 e 25. Pola súa banda, a iniciativa '67 Graos Ourense Fervescénica' dará a coñecer novas creacións o mércores 21 na Sala Emilia Pardo Bazán do Campus de Ourense.
A presenza galega complétase con Píscore Teatro, que representará 'Molto Barroco' en Celanova o domingo 18; Ibuprofeno Teatro, con 'Bio Construción' no Teatro Principal o xoves 22; Pistacatro, con 'Sen patrón' na praza de San Xoán de Ribadavia o sábado 24, e Marta Alonso, que presentará 'Dance Join' ese mesmo día na praza de San Martiño de Ourense. O festival pecharase o domingo 25 no Teatro Principal con Producións Teatrais Excéntricas e o seu montaxe 'Mofa e Befa: A arte da guerra'.
No apartado internacional, a compañía arxentina El Rayo Misterioso volverá ao festival o sábado 17 con 'Todo terminará por Navidad, 66 minutos antes de Nochebuena'. A formación colombiana L'Explose, xunto con Opsis, presentará o venres 23 'Entrecruzad@s', unha peza que aborda a identidade, o desarraigamento e a exclusión a través do movemento e da interpretación. Ambas as funcións terán lugar no Teatro Principal.
O programa inclúe tamén 'Poeta (perdido) en Nueva York', da compañía andaluza Aedo Teatro, o venres 16 no Teatro Principal, e 'Costura', da creadora catalá Elena Romero Muñoz, o domingo 18 no Liceo de Ourense.
O Teatro Principal, o Liceo e a Sala Emilia Pardo Bazán serán os principais escenarios na capital ourensá, xunto con rúas e prazas da cidade. A extensión do festival a Celanova e Ribadavia reforza a súa dimensión provincial e o seu obxectivo de achegar as artes escénicas a novos públicos.