O Festival Internacional de Xardíns abre as súas portas en Allariz

O Festival Internacional de Xardíns de Allariz inaugurou este sábado a súa décimo sexta edición convertendo o recinto do certame nun espazo artístico e sensorial arredor do concepto da “Liberdade”, eixo temático sobre o que xirarán os xardíns desta tempada. Paisaxistas de distintos países reinterpretan nesta ocasión unha idea que busca conectar natureza, creatividade e reflexión social a través do deseño.
O acto inaugural estivo conducido pola xornalista alaricana Raquel Rosa e contou coa actuación do violinista Daniel López, encargado de poñer música á apertura institucional. Durante a súa intervención, a presentadora convidou ás persoas asistentes a pensar sobre “un concepto tan necesario como o da liberdade”, convertido nesta edición nun punto de partida para as propostas chegadas de diferentes partes do mundo.
Ao longo da cerimonia tamén houbo espazo para lembrar os proxectos premiados na pasada edición. A organización destacou o recoñecemento acadado por Claudia Carolina Avila co proxecto ‘El Jardín de Rocallas’, distinguido polo xurado técnico, así como o éxito de ‘¡Se chove, que chova!’, elaborado por Mónica Alonso, Lucía González e Isabel Gutiérrez e gañador do premio do público.
A dimensión internacional do festival volveu quedar patente na resposta á convocatoria deste ano, que recibiu 56 propostas procedentes de distintos países. O FIXA mantense ademais como o único festival destas características en todo o Estado español, compartindo este formato na Península Ibérica unicamente coa localidade portuguesa de Ponte de Lima. Finalmente foron seleccionados nove proxectos, que xa poden visitarse no recinto xunto ás dúas creacións vencedoras da edición anterior e ao xardín promovido polos centros educativos de Allariz. A edición deste ano destaca especialmente pola súa pluralidade cultural, con representación de Sudáfrica, Países Baixos, Colombia, Chile, México, Austria, Italia e Portugal, ademais de participantes chegados desde diferentes puntos do Estado.
A entrega de diplomas ás autoras e autores dos novos xardíns converteuse nun dos momentos centrais da tarde. A alcaldesa de Allariz, Cristina Cid, participou no acto acompañada polo presidente da Deputación de Ourense, Luis Menor, institución que colabora co festival desde a súa décimo terceira edición. Tamén estiveron presentes representantes do ámbito académico e profesional vinculados ao paisaxismo e á arquitectura verde, entre eles Juan Antonio Caridad, Raquel Casas e integrantes da Asociación Española de Paisajistas e de AGAEXAR.
O presidente do xurado, o paisaxista Francisco Caldeira Cabral, puxo en valor durante a inauguración “a alma e a calidade técnica” das propostas seleccionadas, destacando a capacidade dos proxectos para traducir o concepto da liberdade a través da botánica e do deseño.
Un dos momentos máis emotivos da xornada chegou coa lembranza a Francisco García, figura moi vinculada ao festival. Cristina Cid asegurou durante a súa intervención que “Hoxe é un día de ledicia pero tamén de moita emoción. Francisco García está hoxe con nós en cada recuncho deste recinto que el tanto amaba”. A alcaldesa entregou á familia un cadro de Francisco García no propio recinto do festival e reivindicou a continuidade do seu legado. “A mellor homenaxe que podemos renderlle é seguir traballando coa mesma ilusión para que Allariz sexa unha ventá aberta ao mundo onde a arte e a natureza se dan a man. Este festival é un exemplo de como a sostibilidade e o deseño poden transformar o territorio, e hoxe máis que nunca, reafirmamos o compromiso de manter viva a súa pegada”, afirmou.
Tras o acto institucional, o público puido realizar o primeiro percorrido polos novos espazos verdes acompañado pola música en directo de Daniel López, actuacións da escola de danza Bayadere e sesións de ioga organizadas polo Recuncho do Silencio.
Con esta nova edición, o Festival Internacional de Xardíns reforza a aposta de Allariz pola recuperación do espazo público, a cultura e a sostibilidade, convertendo os “Xardíns da Liberdade” nun novo atractivo para veciñanza e visitantes.