O festival itinerante 'UFF! Urban Femme Fest' fará parada en Ourense o 7 de novembro

OurenseXa
A cita, dedicada ao talento urbano feminino, recalará no Auriense Café Cultural con tres artistas no escenario, un día despois de iniciar o seu percorrido en Santiago de Compostela
UFF! Urban Femme Fest Ourense
18 Oct 2026

Ourense súmase ao percorrido de 'UFF! Urban Femme Fest', unha iniciativa itinerante centrada no talento feminino da música urbana que visitará oito cidades de distintas comunidades autónomas ao longo dun mes. A data ourensá está fixada para o sábado 7 de novembro, ás 21.00 horas, no Auriense Café Cultural, xusto un día despois de que o festival comece a súa andaina en Santiago de Compostela.

O propósito do festival é que as mulleres dedicadas a xéneros coma o reggaetón, o trap, o hip hop, o drill ou o R&B deixen de ocupar un papel secundario nos carteis e pasen a lideralos. Por iso, dous nomes repiten en todas as paradas da xira: Julia Cry e Cecilia Zango. A elas súmase, en cada cidade, unha artista local, de xeito que o festival tamén dá espazo ao talento propio de cada territorio polo que pasa.

Para as datas galegas, a artista local escollida foi Hydn, cantante coruñesa que se converteu nunha das voces emerxentes do pop urbano galego e que foi recoñecida co Premio Martín Códax da Música 2024 a Mellor Artista Urbana. A súa proposta combina forza escénica cunha mirada posta na proxección internacional, sen renunciar á súa identidade local. Hydn actuará tanto en Santiago de Compostela, o 6 de novembro, coma ao día seguinte en Ourense.

En canto ás cabezas de cartel, Julia Cry pasou en apenas tres anos de compoñer cancións na casa a subirse a escenarios de festivais como Fun Futura, Spring Play ou Cartagena Suena. Estreouse en 2022 co EP 'Elemental', un traballo que mestura sons urbanos con influencias afro, flamencas e de jazz, e en 2024 publicou o seu primeiro álbum, 'Insisto', co que obtivo os premios a Mellor Artista Emerxente e Mellor Álbum Urbano nos Premios Yepes. Neste 2025 presentou 'CARDIO', adianto do seu vindeiro disco.

Pola súa banda, Cecilia Zango, cantante, compositora e musicóloga formada no Real Conservatorio Superior de Música de Madrid, fusiona na súa música o flamenco, os melismas árabes, influencias africanas e o son urbano. Recoñecida co Premio de la Música Extremeña 2025 e o Premio POP EYE a Mellor Artista Extremeña, en 2026 deu un xiro cara ao reggaetón de tons escuros co seu EP 'FURIOSA', un estilo que ela mesma define como "maleanteo fino".

Desde a organización defenden que este tipo de iniciativas buscan poñer en valor que, a pesar de seguir sendo minoría nos carteis dos grandes festivais, as mulleres do xénero urbano representan unha parte fundamental da industria musical actual.

Os nomes das artistas locais e as datas do resto de cidades —que incluirán paradas en Andalucía, Murcia, Madrid, Aragón e Cataluña— irán confirmándose nas próximas semanas a través das redes sociais de 'UFF!'.

0.13725590705872