O festival Pint of Science regresa a Ourense con seis charlas que achegan a ciencia aos bares

O festival de divulgación científica Pint of Science celebrará unha nova edición en Ourense o próximo 18 de maio cun programa composto por seis charlas que buscan achegar a investigación máis actual ao público xeral nun entorno pouco habitual como son os bares.
A iniciativa, de carácter gratuíto, forma parte da undécima edición do festival, que se desenvolve de forma simultánea en 114 cidades e localidades de todo o Estado. Como novidade este ano, o proxecto incorpora 29 sedes en zonas rurais co obxectivo de facilitar o acceso á divulgación científica en áreas menos poboadas.
En Ourense, o evento terá lugar no Café & Pop Torgal a partir das 18:00 horas, cun programa que aborda cuestións científicas de actualidade vinculadas a retos globais e ao seu impacto na sociedade. Durante as pausas entre charlas realizaranse sorteos de material achegado por entidades colaboradoras.
O programa local inclúe seis intervencións que abordan temáticas diversas, desde a biotecnoloxía e o medio ambiente ata a socioloxía dixital. Entre elas, abordaranse investigacións sobre a posibilidade de transformar insectos en fontes de proteína e materiais sostibles, o papel do solo na propagación de resistencias a antibióticos ou a análise de discursos misóxinos no entorno dixital.
A organización destaca que o obxectivo é trasladar o coñecemento científico a unha linguaxe accesible e fomentar a interacción directa entre investigadores e público. Neste sentido, unha das responsables do evento, a investigadora postdoutoral Sandra Medrano, subliña que o formato en bares permite xerar un ambiente próximo que favorece a participación: “solemos pensar que a ciencia é complicada, pero é porque quizais non nola explicaron ben. Pint of Science é especial porque usamos unha linguaxe comprensible e nos bares créase un ambiente único, próximo, que incita aos asistentes a facer preguntas e que todos aprendamos ciencia complexa dunha maneira sinxela”.
O festival contará coa participación de investigadores e investigadoras de distintos ámbitos que presentarán os seus traballos en formato divulgativo. O programa completo pode consultarse na web oficial do evento.
Pint of Science celébrase en España desde hai máis dunha década e consolidouse como unha das principais citas de divulgación científica, con miles de actividades organizadas en bares de todo o país e a participación de centos de profesionais da investigación.