O Festival RiR vivirá a súa xornada máis intensa coa gala que pon fin á novena edición

OurenseXa
A programación do sábado combina literatura, música e cine familiar antes da Gala de Clausura, onde se coñecerá o palmarés oficial e se recoñecerá unha traxectoria vinculada á comedia
María Sola As Malas Ideas
4 Sep 2026

O Festival Internacional de Curtametraxes de Comedia RiR chega este sábado, 5 de setembro, ao seu último e máis intenso día de programación, que pechará a novena edición do certame con toda unha xornada de propostas culturais e a tradicional Gala de Clausura.

A xornada arrincará ás 12.00 horas no Espazo BenComún cunha presentación literaria: a escritora María Solar falará da súa obra 'As malas ideas', un libro que, malia non ser estritamente de comedia, mantén unha estreita relación co mundo audiovisual, xa que o seu protagonista é un director de produción de series cuxa vida se desmorona de xeito absurdo. Máis alá do humor, a novela reflexiona sobre a vellez, a soidade e a idea de éxito. O acto contará ademais cun formato pouco habitual, xa que a autora estará acompañada polo seu compañeiro, tamén profesional do audiovisual, para conversar sobre o oficio dende dous puntos de vista distintos.

Ás 13.00 horas, a Praza do Matadoiro acollerá a xa clásica sesión vermú, que nesta ocasión contará coa actuación en directo de Tonhito de Poi.

Pola tarde, a oferta ampliarase para chegar a todos os públicos. Ás 17.30 horas, o Albergue de Allariz acollerá unha proxección de cine de animación pensada para toda a familia, coa película Polloliebre y el secreto de la marmota. Xa ás 18.30 horas, na Aula Cantarela, terá lugar unha masterclass centrada en autores e filmes de referencia do xénero cómico.

O peche da xornada, e da propia edición, chegará ás 20.30 horas na Casa da Cultura coa Gala de Clausura, conducida polo actor e cómico Josito Porto. Durante o acto darase a coñecer o palmarés da Sección Oficial, decidido por un xurado composto por Bárbara Grandío, Raquel Nogueira e Josean Bengoetxea, así como o resultado do Premio do Público.

Un dos momentos centrais da noite será a entrega do Premio RiR Contigo, que nesta ocasión recoñecerá a traxectoria do actor e humorista David Amor e a súa vinculación coa comedia ao longo dos anos.

Con esta gala, o Festival RiR pon punto final a unha nova edición que reforza a súa posición como unha das citas culturais de referencia do verán en terras ourensás, contando co respaldo institucional e o patrocinio dun editorial vinculado ao sector.

0.13597893714905