O GDR Adercou programa seis rutas para descubrir o patrimonio e os sabores da provincia de Ourense

O Grupo de Desenvolvemento Rural Adercou pon en marcha un novo ciclo de actividades para dar a coñecer os valores naturais, culturais, turísticos e gastronómicos dos concellos integrados no territorio do GDR 11 – Adercou.
A programación está formada por seis xornadas que permitirán descubrir a contorna desde diferentes perspectivas, combinando rutas de sendeirismo temáticas e interpretativas con visitas a elementos patrimoniais e degustacións de produtos locais. As propostas están pensadas para achegar aos participantes diferentes recursos e espazos do territorio a través de experiencias que permiten camiñar, coñecer e degustar os produtos da comarca.
O programa arrancará o 19 de setembro coa travesía do río Miño entre A Peroxa e Os Peares. Ao día seguinte, 20 de setembro, a actividade trasladarase a Barbadás, cunha ruta dedicada ao Tangaraño e San Benito de Cova do Lobo.
As seguintes citas serán o 26 de setembro en Cartelle, coa ruta polos muíños do río Gato e a Torre de Sande, e o 27 de setembro en Coles, cun percorrido polo municipio e o Pazo de Fontefiz.
Xa en outubro, o 4 de outubro será a quenda do Pereiro de Aguiar, coa actividade denominada Sicenata Pacata, mentres que o ciclo rematará o 11 de outubro en A Peroxa coa proposta A Paraxe Sacra da Peroxa.
As rutas presentarán diferentes niveis de dificultade, desde itinerarios fáciles ata percorridos de maior esixencia, e estarán guiadas por profesionais especializados. As actividades incluirán tamén degustacións de produtos locais e diferentes visitas culturais vinculadas aos lugares percorridos.
Con esta iniciativa, Adercou pretende ofrecer unha maneira diferente de coñecer o territorio, poñendo en valor os seus recursos naturais, o patrimonio, a cultura e a gastronomía a través de actividades abertas á participación da cidadanía.