O Goberno inicia o procedemento para declarar o Campo de Aragón de Ourense como Lugar de Memoria Democrática

GaliciaXa | OurenseXa
O espazo, onde foron executadas 133 persoas entre 1936 e 1939, poderá contar con sinalización e accións de divulgación e homenaxe ás vítimas
Campo-de-Aragón-de-Ourense-Lugar-de-Memoria-Democrática
20 Jun 2026

O Ministerio de Política Territorial e Memoria Democrática iniciou o procedemento para declarar o Campo de Aragón de Ourense como Lugar de Memoria Democrática. Así o avanzou o secretario de Estado de Memoria Democrática, Fernando Martínez López, nunha visita realizada esta mañá á cidade, acompañado polo delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, e o subdelegado do Goberno en Ourense, Eladio Santos.

O Campo de Aragón, situado nos terreos do antigo cuartel de San Francisco de Ourense, foi escenario de numerosos fusilamentos tras o golpe de Estado de xullo de 1936. Segundo a documentación histórica recollida no expediente, entre 1936 e 1939 foron asasinadas alí 133 persoas, entre elas o alcalde da cidade, Manuel Suárez Castro, e Erundina Álvarez Pérez, a única muller executada neste lugar.

A iniciativa recoñece o valor histórico, simbólico e memorial dun espazo que representa a represión exercida contra quen defendeu a legalidade democrática da Segunda República. O expediente destaca que se trata do lugar onde se produciu a maior represión mediante tribunais militares de toda Galicia.

O secretario de Estado de Memoria Democrática afirmou que “a democracia española ten o deber de lembrar a quen sufriu persecución, prisión ou morte por defender os valores que hoxe nos permiten convivir en liberdade. Converter o Campo de Aragón en Lugar de Memoria Democrática é dignificar ás vítimas, honrar ás súas familias e reafirmar o noso compromiso colectivo para que feitos como aqueles non volvan repetirse xamais”.

A futura declaración permitirá impulsar accións de sinalización, divulgación e homenaxe ás vítimas mediante recursos audiovisuais, paneis informativos e a incorporación do lugar aos circuítos nacionais e internacionais de memoria democrática.

A incoación como Lugar de Memoria Democrática do Campo de Aragón súmase a outros espazos xa iniciados en Galicia e pendentes de declaración definitiva, como o penal das illas de San Simón e San Antón, a cidade de Ferrol, o Pazo de Meirás e “O Vello Cárcere” de Lugo.

0.12543487548828