O Goberno intensifica en Galicia o dispositivo de coordinación para garantir unha eclipse segura

GaliciaXa | LugoXa | TerraChaXa | SarriaXa | AMariñaXa | RibeiraSacraXa | ACoruñaXa | FerrolXa | OurenseXa
Ata o momento, hai 85 puntos de observación recoñecidos pola Xunta e integrados na planificación nacional da Secretaría de Estado de Seguridade, que se incrementarán ao longo destes días tras ser analizados
reunion-pedro-blanco-eclipse
28 Jul 2026

O delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, destacou que o Goberno intensifica o dispositivo de coordinación para garantir unha eclipse segura en Galicia. O delegado presidiu unha reunión entre as Forzas e Corpos de Seguridade, Protección Civil, representantes do Ministerio de Transportes e Mobilidade Sostible, a DGT e AEMET.

No encontro, o delegado repasou cos responsables dos diferentes servizos os 85 puntos de observación recoñecidos ata o momento pola Xunta e integrados na planificación nacional da Secretaría de Estado de Seguridade, que se incrementarán ao longo destes días tras ser analizados. Por provincias hai 33 puntos na Coruña, 31 en Lugo; 15 en Pontevedra e 6 en Ourense. Corresponde aos Concellos identificar os puntos para que posteriormente a Xunta os revise e os comunique á Delegación do Goberno co fin de trasladar a documentación á Secretaría de Estado de Seguridade.

Pedro Blanco explicou que Galicia constitúe un dos territorios clave para a observación da eclipse total, tanto por ser o primeiro punto de observación de España como pola ampla rede de enclaves seleccionados para canalizar a afluencia de visitantes, polo que fixo un chamamento á cidadanía para que acudan aos puntos debidamente acreditados de observación. “É fundamental dirixirse con tempo e planificación aos lugares habilitados, onde se dan as condicións axeitadas para seguir este fenómeno con garantías”, remarcou.

Do mesmo xeito, o delegado sostivo que “é imprescindible respectar os puntos de exclusión establecidos polo dispositivo de seguridade”, que polo momento son 29 (8 na Coruña, 17 en Lugo, 1 en Ourense e 3 en Pontevedra). “A colaboración cidadá será esencial para que os galegos e galegas poidamos vivir este acontecemento nas mellores condicións, polo que pedimos que se sigan en todo momento as indicacións dos efectivos despregados”, solicitou.

Neste contexto, Pedro Blanco explicou que se están centrando os esforzos na xestión de grandes concentracións de persoas, a mobilidade e o tráfico, o risco de incendios forestais, as posibles limitacións de cobertura móbil e a atención adecuada a visitantes nacionais e internacionais.

Ademais, o delegado puxo en valor o esforzo que está a facer o Goberno de España para planificar a observación deste fenómeno e poder así evitar posibles incidencias, pois conta cun Plan Especial de Seguridade e un Plan Específico de Protección Civil. Así, o delegado lembrou á cidadanía que se pode consultar máis información na web triodeeclipses.es e no portal autonómico eclipse.xunta.gal/portada.

Asistiron á reunión o director do Servizo Rexional do Instituto Xeográfico Nacional (IGN) en Galicia, Pablo Carballo Cruz; o xefe do Centro de Coordinación de Salvamento Marítimo da Coruña, Roberto R. Pereira; a xefa provincial de Tráfico da Coruña, Victoria Gómez Dobarro; o director do Centro de Xestión de Tráfico do Noroeste-Cantábrico, Bruno Deschamps; o coronel xefe do Sector de Tráfico de Galicia, Antonio Hidalgo; o capitán marítimo da Coruña, Domingo Pose Edrera; o xefe da Demarcación de Estradas do Estado en Galicia, Ángel González del Río; a inspectora xefa da Policía Nacional, Celia Carreira, e o inspector Javier Ares; o representante da AEMET José María Pascual; a tenente da Zona de Galicia da Garda Civil, Silvia Escobar Pin; o tenente coronel da Comandancia da Coruña da Garda Civil, Luis Nicolás Arroyo; o tenente coronel da Garda Civil Pablo Lago; o director de Seguridade de ADIF, Daniel Riveira Villar; a xefa da Unidade de Protección Civil da Delegación do Goberno, María Dolores Gómez Rodríguez; o secretario xeral, Alberto de la Fuente Seoane, e o técnico superior da delegación Francisco Muñoz.

0.13966107368469