O grupo Xa_OU pon en marcha unha iniciativa para recuperar a tradición de tocar nas airas

O grupo Xa_OU, en colaboración cos concellos de Baños de Molgas e Xunqueira de Ambía, pon en marcha unha nova iniciativa cultural para recuperar a tradición de tocar nas airas, co obxectivo de volver encher estes espazos de música, encontro e vida comunitaria.
Con este motivo, o vindeiro día 9 celebrarase na contorna da Igrexa de Santa Eufemia de Ambía unha xornada dedicada á música tradicional galega. Trátase dun encontro de pandeireteiras que reunirá distintas formacións e propostas musicais do país.
O programa contará coas actuacións de Aturuxa ás 18:00 horas e do propio grupo Xa_OU ás 19:00 horas.
A iniciativa busca non só promover a música tradicional, senón tamén recuperar a esencia social das airas como espazos de convivencia e cultura popular.