O Hospital de Día de Psiquiatría de Ourense incorpora obras dos seus pacientes realizadas nun obradoiro con Black & Chain Community

Os cadros realizados por pacientes do Hospital de Día de Psiquiatría de Ourense no marco dun obradoiro de pintura desenvolvido coa colaboración da Black & Chain Community xa presiden a entrada a este dispositivo asistencial da Área Sanitaria de Ourense, Verín e Valdeorras.
A actividade foi posible grazas ao convenio de colaboración asinado entre a asociación e a área sanitaria, que permite achegar ao entorno sanitario novas propostas culturais, sociais e creativas abertas á participación dos propios usuarios.
A Black & Chain Community naceu en Ourense como unha incubadora cultural, tecnolóxica e social con vocación de servizo á sociedade e apoio á creación artística en distintas disciplinas. Entre as súas iniciativas destacan a organización de obradoiros, exposicións e espazos de encontro entre artistas, profesionais e cidadanía.
Esta liña de colaboración xa permitiu incorporar a arte a outros espazos asistenciais. É o caso da exposición permanente do fotógrafo ourensán Santiago Barreiros nas salas de espera de Oncoloxía, unha mostra que achega imaxes do mar ao interior do hospital.