O Hospital Universitario de Ourense acolle unha campaña solidaria a favor do Banco de Alimentos

O Hospital Universitario de Ourense acolle desde este martes unha campaña solidaria promovida polo Banco de Alimentos de Ourense, en colaboración coa asociación Apetéceme e coa Área Sanitaria de Ourense, Verín e Valdeorras.
A iniciativa consiste na instalación de huchas nas cafeterías do centro hospitalario, co obxectivo de facilitar que tanto usuarios como profesionais poidan realizar achegas económicas e colaborar coa causa.
Os fondos recadados destinaranse integramente ao programa de apoio do Banco de Alimentos de Ourense, centrado na atención de preto de 500 menores da provincia que se atopan en situación de vulnerabilidade. Esta realidade agrávase durante os meses de verán debido ao peche dos comedores escolares durante as vacacións, o que incrementa as dificultades de moitas familias para garantir unha alimentación axeitada para os seus fillos e fillas.