O IES Blanco Amor de Ourense logra o premio ao vídeo máis viral do concurso escolar #ParqueVibras

OurenseXa
O premio ao mellora traballo na provincia de Ourense foi, pola súa banda, para a Aula de 4º da ESO do CPR Plurilingüe Sagrado Corazón de Celanova
ies-blanco-amor-parques-vibras
1 May 2026

O equipo “Naturadictos”, do IES Blanco Amor, acadou o galardón ao vídeo máis viral da segunda edición do concurso escolar #ParqueVibras, unha iniciativa dirixida ao alumnado de 3º e 4º da ESO para crear contidos audiovisuais en redes sociais inspirados nos parques naturais de Galicia.

O traballo premiado, difundido a través de Instagram, achega unha proposta na que se presentan os seis parques naturais galegos cun enfoque humorístico e unha importante presenza de recursos visuais. A peza conseguiu preto de 6.400 visualizacións e máis de 400 “gústames”.

O certame, posto en marcha no curso 2024-2025, busca fomentar a creatividade do alumnado e achegalo á difusión ambiental a través de plataformas como Instagram, TikTok ou YouTube. Nesta segunda edición participaron 25 equipos e máis de 500 estudantes de distintos centros educativos, moitos deles xa presentes na primeira convocatoria.

En total presentáronse 22 vídeos, nos que o alumnado asumiu o papel de “influencers” para ofrecer a súa visión dos seis parques naturais de Galicia: Fragas do Eume, Complexo dunar de Corrubedo e lagoas de Carregal e Vixán, Monte Aloia, Baixa Limia-Serra do Xurés, O Invernadeiro e Serra da Enciña da Lastra.

Ademais do premio ao vídeo máis viral, entregáronse outros catro recoñecementos aos mellores traballos por provincias. Na Coruña gañou o grupo Os Ecoaventureiros, do IES Maximino Romero de Lema (Zas); en Lugo, Os Bonitos, do IES Monte Castelo (Burela); en Pontevedra, VibraTeis, do IES de Teis (Vigo); e en Ourense, a Aula de 4º da ESO do CPR Plurilingüe Sagrado Corazón de Celanova.

Durante o encontro de entrega de premios, o alumnado participante tamén tomou parte nun obradoiro de creación de contido e comunicación dixital centrado na divulgación dos parques naturais.

0.12320709228516