O Irixo terá unha xornada informativa sobre emprendemento xuvenil e feminino no rural

O concello de O Irixo será sede, este martes 29 de setembro, dunha nova parada da campaña itinerante 'Xeración EMPRENDE', unha iniciativa que percorre distintos puntos da provincia baixo o paraugas da 'Ruta Rural do Emprendemento Xuvenil'.
Esta actividade ten como finalidade achegar a cultura emprendedora á poboación nova e ás mulleres do ámbito rural galego, ofrecendo ferramentas e recursos que faciliten a posta en marcha de novos proxectos empresariais.
A cita terá lugar na Praza Manuel Penedo, número 10 (Praza do Concello), en horario de 17.00 a 19.00 horas. Durante ese tempo, os veciños e veciñas interesados poderán achegarse á furgoneta para participar en distintas actividades e recibir asesoramento personalizado orientado a impulsar as súas ideas e proxectos de negocio.
Dende a organización animan á poboación a sumarse a esta iniciativa, e destacan que todas as persoas que participen recibirán ademais un pequeno agasallo como incentivo á súa asistencia.