O Liceo de Ourense acolle unha conversa con Cristina Pato arredor da novela ‘Fóra de foco’

O Liceo de Ourense celebrará este martes, 9 de xuño, un acto literario no Salón Noble da entidade a partir das 19.30 horas, centrado na obra Fóra de foco, da autora Cristina Pato. A sesión consistirá nunha conversa arredor da novela, na que tamén participará o xerente do Liceo de Ourense, José Luis Troitiña.
Durante o encontro abordarase a figura de Marieta Carracedo, protagonista da obra, unha xornalista madrileña obsesionada co seu traballo e coa vida da fotógrafa neoiorquina Basil Cancela, unha artista que decide abandonar a vida pública no momento álxido da súa carreira e retirar a súa obra.
A partir desta historia, a novela propón unha reflexión sobre as razóns que levan á artista a tomar esa decisión, mentres a protagonista inicia unha viaxe persoal que a conduce a cuestionar os fundamentos da súa propia vida.
Fóra de foco desenvólvese entre Nova York, Galicia e Madrid e preséntase como unha obra intimista que afonda en temas como a relación entre vida persoal e profesional, o ámbito público e privado, a ambición ou a soidade, así como nas decisións que marcan o rumbo das persoas.