O Memorial do Furriolo acollerá o 18 de agosto unha homenaxe a Celso de Poulo e ás vítimas da represión franquista

GaliciaXa | OurenseXa
O acto non só lembrará ao alcalde republicano de Gomesende, senón tamén ás persoas asasinadas nos “paseos” do Furriolo tras o golpe de Estado de 1936
mural-memorial-do-furriolo
5 Aug 2026

O Memorial do Furriolo, no concello da Bola, acollerá o vindeiro 18 de agosto, ás 20.00 horas, unha homenaxe a Celso Pérez Enríquez, coñecido como Celso de Poulo, alcalde republicano de Gomesende asasinado en agosto de 1936, así como ao conxunto das vítimas dos “paseos” perpetrados neste lugar durante os primeiros meses da represión franquista.

O acto está promovido por Amigos da República, o Comité pola Memória Histórica do Val do Límia e o Comité de Memoria Histórica da Comarca de Celanova, en colaboración coa familia de Celso de Poulo. A iniciativa enmárcase nas conmemoracións do Día da Galiza Mártir, que se celebra o 17 de agosto en lembranza das vítimas da represión franquista.

Durante a homenaxe lembrarase tamén ás persoas asasinadas na contorna do Furriolo, tanto procedentes da Limia como da comarca de Celanova, moitas delas aínda sen identificar. Entre as vítimas recoñecidas figura o mestre Eduardo Villot Canal, militante comunista e membro da Asociación de Traballadores do Ensino (ATEO), que foi sacado do cárcere do Mosteiro de Celanova e asasinado no mesmo lugar que Celso de Poulo.

Celso Pérez Enríquez naceu en 1885 na parroquia de Cerdal, en Gomesende. Tras emigrar a Porto Rico e Cuba, regresou á súa terra en 1918, onde abriu o comercio "El Recreo Obrero" e desenvolveu unha intensa actividade política durante a Segunda República. Foi alcalde de Gomesende pola Fronte Popular, deputado provincial e delegado de Transportes e de Actividades Pecuarias na Deputación de Ourense. A súa vivenda converteuse nun punto de encontro para republicanos, galeguistas e agraristas, recibindo a figuras como Alexandre Bóveda e Castelao.

Despois do golpe de Estado de xullo de 1936 foi detido diante da súa casa e trasladado primeiro ao cárcere de Ourense e posteriormente ao de Celanova. Durante o seu encarceramento, a súa familia sufriu rexistros, roubos e ameazas por parte de escuadras falanxistas. Entre os días 18 e 20 de agosto foi sacado da prisión e asasinado no Alto do Furriolo, onde foi enterrado nunha foxa común xunto a outras vítimas.

Meses despois, grazas á información facilitada por Manuela Mosquera, a familia puido localizar os seus restos e trasladalos en segredo ao cemiterio de Sorga, na Bola. En 1981, coincidindo co 18 de agosto, os seus descendentes exhumáronos de novo para darlles sepultura definitiva no cemiterio da parroquia de Poulo.

O acto servirá tamén para poñer en valor o Memorial do Furriolo, inaugurado en 2006 por iniciativa do colectivo Arraianos. A obra, deseñada por Xosé Vizoso, representa nun mural ás vítimas da represión franquista e converteuse nun dos principais espazos de memoria histórica da provincia de Ourense. O monumento foi restaurado en varias ocasións, a última delas en 2021, promovida polo Comité de Memoria Histórica da Comarca de Celanova coa colaboración do propio artista e de creadores locais.

0.13948082923889