O mercado “Arte de Man” reunirá unha vintena de propostas de artesanía o 6 de setembro en Allariz

GaliciaXa | OurenseXa
A Zona de Santo Estevo acollerá durante toda a xornada demostracións de oficios tradicionais, un obradoiro de flores secas e actuacións musicais
Mercado de Artesanía 'Arte de Man', Allariz
14 Aug 2026

A Zona de Santo Estevo de Allariz volverá converterse o domingo 6 de setembro nun punto de encontro para a artesanía coa celebración dunha nova edición do mercado “Arte de Man”. A actividade desenvolverase de maneira continuada entre as 11.00 e as 20.00 horas e permitirá coñecer diferentes traballos realizados a man e adquirir pezas elaboradas por pequenos obradoiros.

A proposta, xa consolidada dentro da programación cultural do municipio, reunirá máis de vinte iniciativas que combinan disciplinas artesanais tradicionais con outras propostas contemporáneas e de deseño. Entre os participantes figuran Olería do Batán, Mor Talla, con traballos de talla e tecidos africanos, I3D Deseño Galego, Magari Clay, Estudo Aldea, Rio Mao Estudio e A Marinheta.

A oferta incluirá tamén diferentes propostas téxtiles a cargo de Xogo de Fios, Enxógate e Paseloqpase. A elas sumaranse os xabóns artesanais elaborados con leite de burra de A.N.D.R.E.A e Feitizosoaps, a encadernación de Elisabeth e as creacións de Xabier Varela, Rosa Ana Soto, So Para Min, Laicalúa, Maria Aba, Luciernaga, D-Rositas e Artesanía Nómada.

O programa contará ademais con actividades vinculadas directamente aos oficios artesanais. Ás 17.30 horas terá lugar un obradoiro de creación con flores secas impartido por Moi de Flores. A actividade será gratuíta, estará dirixida a maiores de 6 anos e contará con prazas limitadas, que se cubrirán por orde de chegada.

Durante a xornada tamén se poderá asistir a unha demostración técnica en directo do oficio tradicional de zapateiro artesán ofrecida por Calzados Meire Artesáns. Neste caso, a actividade será exclusivamente demostrativa e non haberá venda directa.

A música terá igualmente presenza no mercado. SoLaSol ofrecerá unha actuación ás 12.00 horas, mentres que as Pandereteiras As Miñeiras actuarán ás 17.00 horas, contribuíndo á ambientación de la Zona de Santo Estevo durante a celebración.

Coa organización desta nova edición de “Arte de Man”, o Concello de Allariz busca dar visibilidade ao traballo dos pequenos obradoiros, fomentar o comercio de proximidade e incorporar a artesanía á dinamización cultural do centro histórico.

0.13105297088623