O Museo Etnolóxico de Ribadavia acolle unha exposición sobre o oficio de libreiro en Ourense ata 2027

OurenseXa
A mostra, que poderá visitarse ata finais de setembro de 2027, reúne unha vintena de pezas e recrea un obradoiro de encadernación para dar a coñecer a tradición libreira ourensá
exposición 'Martín Fernández, o libreiro curioso' Ribadavia
26 Nov 2026

O Museo Etnolóxico de Ribadavia acolle a exposición 'Martín Fernández, o libreiro curioso', unha mostra centrada no oficio de libreiro na provincia de Ourense que poderá visitarse ata finais de setembro de 2027. A exposición, comisariada por Eva María Tobal, reúne unha vintena de pezas entre material bibliográfico, ferramentas, pigmentos e substancias colorantes, e recrea ademais un obradoiro de encadernación dentro das propias instalacións do centro.

A proposta toma como fío condutor a figura do libreiro ourensán Martín Fernández, quen en 1799 plasmou nun caderno titulado 'Curiosidades ou segredos do oficio de libreiro' os coñecementos, experiencias e trucos do oficio que acumulara ao longo da súa vida. Este documento, que se conserva na actualidade na Biblioteca Nacional de España, foi adquirido pola institución en 1878 por unha peseta e constitúe, segundo se sinalou, un testemuño excepcional sobre esta profesión.

A mostra pon tamén o foco no labor de encadernación que desenvolvían os libreiros da época. Os libros saían do prelo con cubertas fráxiles, polo que era habitual que fose o propio comprador quen decidise como encadernalos, encargándose o libreiro de levar a cabo esa tarefa, ademais de reparar exemplares antigos. Neste sentido, a exposición amosa a guía de encadernación empregada por Martín Fernández no seu oficio.

A iniciativa enmárcase no programa 'As exposicións de 2026 como motor cultural da Galicia Calidade', que agrupa este ano máis de 70 mostras repartidas en 18 equipamentos culturais e artísticos de referencia en Galicia.

0.18708205223083