O nodo CIBER.gal reúne o martes en Ourense a especialistas en ciberseguridade empresarial

O Nodo Galego de Ciberseguridade, CIBER.gal, impulsado pola Xunta, celebra o vindeiro 9 de xuño, no Parque Tecnolóxico de Galicia (Tecnópole), a xornada Ciberseguridade aplicada: Protexendo ás empresas galegas nun mundo dixital, dirixida a empresas, profesionais e estudantado do eido tecnolóxico.
O encontro, coorganizado pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia e o Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG), abordará os avances da rede galega de laboratorios e centros demostradores en ciberseguridade, así como o seu impacto na protección do tecido empresarial.
Tras a apertura institucional a cargo do conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos, a primeira intervención abordará o desenvolvemento do Proxecto RETECH en ciberseguridade, da man de Gustavo Herva (Amtega) e Raúl Amarelle (INCIBE), á que seguirán cinco relatorios sobre as capacidades dos laboratorios galegos e os seus principais casos de uso.
A xornada contará, tamén, cun debate aberto sobre os laboratorios e centros demostradores, no que participarán María Rodríguez (Telefónica), José Cascallana (InprOTech), Carlos Pérez (CTAG), Juan González (Gradiant), Héctor Haab (ITG) e Ana Fernández (Universidade de Vigo).
Ademais, expertos do ámbito empresarial, académico e das forzas de seguridade analizarán como previr e responder ante ameazas dixitais nun panel sobre estratexias reais de ciberseguridade.
Como peche, Alba Meijide (Telefónica) ofrecerá un relatorio sobre como a intelixencia artificial está redefinindo a ciberseguridade e as claves para manterse á vangarda.
A xornada incluirá tamén un espazo de networking entre asistentes. As persoas interesadas en asistir ao encontro poden inscribirse a través da web de https://ciberseguridadegalicia.gal/